Actualidade
Portada » Actualidade » Novas » EuroXuventude »Máis de trinta empresarios danse cita no workshop de turismo rural organizado pola Fundación Galicia Europa
— Os asistentes puideron abordar os retos e desafíos do coñecido como «turismo de quinta», da man de expertos e profesionais con experiencia no sector
Verín, 27 de maio de 2025.– O 26 de maio, o workshop empresarial de turismo rural, organizado pola Fundación Galicia Europa no marco do proxecto «Incubtrans», reuniu máis de 30 participantes de pequenas e medianas empresas da Eurocidade Chaves-Verín na sede da Associação de Desenvolvimento da Região do Alto Tâmega, para abordar os desafíos do sector coñecido como “turismo de quinta” e impulsar a colaboración empresarial.
Ao longo da xornada, os asistentes puideron identificar diversas problemáticas —tanto actuais como futuras— que poden afectar aos seus modelos de negocio e resolver as súas dúbidas sobre as distintas ferramentas para afrontalas, da man de expertos, experimentados profesionais do sector e entidades colaboradoras como AJE Galicia.
Así mesmo, as actividades interactivas promoveron o intercambio de boas prácticas entre os participantes, xerando un espazo óptimo para a procura de sinerxías que impulsen non só os negocios a nivel individual, senón tamén o valor da Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal.
Sobre Incubtrans
O proxecto Incubtrans está cofinanciado polo Programa Interreg VI A de Cooperación España-Portugal (POCTEP) 2021-2027, FEDER. O seu principal obxectivo é crear unha incubadora transfronteiriza na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, en particular no territorio da Eurocidade Chaves-Verín, que estimule e apoie a creación sostible de novas empresas, emprego cualificado e valor engadido no territorio fronteirizo, actuando como interface entre o tecido empresarial, a formación e as institucións universitarias e de I+D da rexión transfronteiriza.
Son socios deste proxecto: a Eurocidade Chaves-Verín, a AECT (Beneficiario Principal), a Associação de Desenvolvimento da Região do Alto Tâmega (ADRAT) (PT), o Instituto Politécnico de Bragança (IPB) (PT), a Universidade de Vigo (Uvigo) (ES), a Asociación de Novos Empresarios de Galicia (AJE-G) (ES), a Associação Nacional de Jovens Empresários (ANJE) (PT) e a Fundación Galicia Europa (FGE) (ES).
Atopa aquí as novas relacionadas co proxecto.

© Fundación Galicia Europa, 2025.