Actualidade
Portada » Actualidade » Novas » EuroXuventude » Voluntariado »
Máis de 3 000 millóns de euros para a mobilidade e a cooperación en educación, formación, xuventude e deporte
- Esta nova convocatoria inclúe grandes novidades, como o apoio a proxectos que impulsen a educación inclusiva e de gran calidade; maiores intercambios con terceiros países; a ampliación da cobertura de DiscoverEU a colectivos con menos oportunidades; ou a posta en marcha das accións Jean Monnet en centros escolares
Santiago de Compostela, 24 de novembro de 2021. A Comisión vén de poñer en marcha as convocatorias de propostas no marco de Erasmus+ para 2022, tras adoptar o programa de traballo anual de 2022. Cun orzamento de case 3 900 millóns de euros para o próximo ano, Erasmus+ seguirá a ofrecer oportunidades para períodos de estudo no estranxeiro, períodos de prácticas, formación de aprendices e intercambios de persoal e proxectos de cooperación transfronteiriza en diferentes eidos da educación e a formación, a xuventude e o deporte. Ademais da convocatoria xeral, o programa de traballo anual tamén inclúe outras accións que se levarán a cabo por separado, como a iniciativa Universidades Europeas.
O programa tamén contribúe ao Ano Europeo da Xuventude 2022, anunciado no discurso sobre o estado da Unión de setembro de 2021. As principais actividades de mobilidade e cooperación tamén se verán reforzadas.
As novidades máis importantes introducidas na convocatoria son:
- Proxectos con visión de futuro: diversos proxectos novos a gran escala impulsarán a educación inclusiva e de gran calidade, así como a adaptación aos sistemas de educación e formación á transición ecolóxica. Estes ambiciosos proxectos beneficiaranse dun orzamento máis amplo e levaranse a cabo durante un mínimo de tres anos. Terán a finalidade de implicar unha combinación de organizacións públicas e privadas. O obxectivo xeral é acadar resultados innovadores que repercutan na educación a escala europea.
- Máis intercambios con terceiros países: grazas aos fondos procedentes de instrumentos exteriores da UE, os terceiros países terán a oportunidade de participar en proxectos e intercambios específicos, especialmente nos eidos da educación e a formación profesional e do deporte.
- Unha iniciativa DiscoverEU máis inclusiva: DiscoverEU ofrece a mozas e mozos de 18 anos a oportunidade de viaxar por Europa. Cada ano, organízanse dúas rondas de solicitudes para repartir bonos de viaxe gratuítos. A partir de 2022, convocaranse rondas concretas para que as organizacións axuden aínda a máis mozas e mozos con menos oportunidades a participar en DiscoverEU. Estes recibirán apoio e financiación máis específica.
- Un achegamento da UE aos centros escolares: aprender cales son os obxectivos e o funcionamento da UE é unha parte importante do fomento da cidadanía activa e os valores comúns de liberdade, tolerancia e non discriminación. As accións Jean Monnet, que promoven a ensinanza sobre a UE, levaranse a cabo para os centros escolares e para o alumnado de todas as idades, tanto na educación xeral como na profesional, mediante diversas actividades (por exemplo, visitas de estudos).
- Un financiamento máis simplificado dos proxectos de cooperación: Erasmus+ ofrece a posibilidade de que os beneficiarios dos proxectos que formen parte de asociacións de cooperación soliciten un importe a tanto alzado para levar a cabo os seus proxectos. Isto reduce considerablemente a carga administrativa relativa á solicitude, xestión do proxecto e a presentación de informes.
Calquera organismo público ou privado activo nos eidos da educación, a formación, a xuventude e o deporte pode solicitar financiamento coa axuda das axencias nacionais de Erasmus+, con sede en todos os Estados membros da UE e en terceiros países asociados ao programa, e da Axencia Executiva Europea de Educación e Cultura.
Os detalles sobre as accións concretas e os respectivos prazos de presentación de solicitudes pódense encontrar nos documentos publicados no sitio web específico.
CONTEXTO
O orzamento total dispoñible para Erasmus+ de 2021 a 2027 é de 26 200 millóns de euros, que se complementan cuns 2 200 millóns de euros procedentes de instrumentos exteriores da UE. Os proxectos de mobilidade e cooperación de Erasmus+ apoian as transicións ecolóxica e dixital, á vez que fomentan unha cidadanía activa e unha maior participación na vida democrática. Desde o inicio da pandemia de COVID-19, Erasmus+ tamén reforzou a resiliencia dos sistemas de educación e formación. A inclusión segue a ser un principio básico do programa que permite non só que máis xente aprenda e participe en proxectos internacionais, senón tamén chegar a un número cada vez maior de persoas con menos oportunidades.
MÁIS INFORMACIÓN