Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Unión Europea » Loita contra a trata de seres humanos: o Consello reforza as normas

Loita contra a trata de seres humanos: o Consello reforza as normas

29/05/2024 |

Bruxelas, 29 de maio de 2024.

O Consello adoptou unha Directiva que engade a consideración da xestación subrogada, o matrimonio forzado e a adopción ilegal como outros tantos tipos de explotación cubertos pola lexislación da UE contra trata de seres humanos. A modificación reflicte a gravidade, a prevalencia e a pertinencia destas formas de explotación.

A utilización consciente dun servizo ofrecido por unha vítima de trata pasa a tipificarse como delito punible, con penas efectivas, proporcionadas e disuasorias. A nova Directiva tamén reforza as medidas de prevención, así como o apoio e a asistencia ás vítimas.

¨Era moi necesario engadir á lexislación da UE contra a trata de seres humanos o matrimonio forzado, a adopción ilegal e a explotación que constitúe a xestación subrogada. Estes atroces delitos de trata de seres humanos deben combaterse con toda a contundencia do noso Código penal¨ (Paul Van Tigchelt, vice primeiro ministro e ministro de Xustiza e do mar do Norte de Bélxica).

Do mesmo xeito que na Directiva actual, os novos tipos de explotación castigaranse cunha pena máxima de polo menos cinco anos de prisión, ou de polo menos dez anos en caso de delitos agravados.

O acordo inclúe unha nova circunstancia agravante, a fin de ter en conta os efectos amplificadores da difusión de material vinculado á explotación, por exemplo, de contidos visuais de carácter sexual nos que participe a vítima, por medio das tecnoloxías da información e a comunicación (TIC).

As persoas xurídicas, como as empresas, tamén afrontarán sancións máis severas, isto é, a exclusión do acceso a financiamento público e a retirada de permisos e autorizacións para o exercicio das actividades que propiciasen a comisión do delito.

Seguientes etapas

O texto entrará en vigor vinte días despois da súa publicación no Diario Oficial da Unión Europea. Os Estados membros dispoñerán de ata dous anos para incorporar as disposicións da Directiva modificada ao seu ordenamento xurídico interno.

Contexto

A primeira lexislación da UE sobre prevención e loita contra a trata de seres humanos e protección das vítimas foi adoptada en 2011. En decembro de 2022, a Comisión presentou unha proposta para actualizala. Os relatores do Parlamento Europeo para este expediente foron Malin Björk (GUE/NGL-SE) e Eugenia Rodríguez Palop (GUE/NGL-É); o acordo provisional alcanzouse o 23 de xaneiro de 2024.

Máis información:

Loita contra a trata de seres humanos: o Consello e o Parlamento Europeo alcanzan un acordo para reforzar as normas

A loita da UE contra a delincuencia organizada – Consilium (europa.eu)

Consello de Agricultura e Pesca – Consilium (europa.eu)

 

Fonte: FAIGA

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data