Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Unión Europea » O Consello defende rebaixar o nivel de protección do lobo

O Consello defende rebaixar o nivel de protección do lobo

01/10/2024 | ,

Bruxelas, 1 de outubro de 2024.

O 26 de setembro o Consello adoptou unha decisión para presentar, en nome da Unión Europea, unha proposta de modificación do estado de conservación do lobo, que pasará de ser unha especie de fauna estritamente protexida a unha especie de fauna protexida, con vistas á 44.ª reunión do Comité Permanente do Convenio de Berna. O Comité Permanente, encargado de avaliar o estado de conservación das especies, reunirase en decembro de 2024.

Os EEMM favorables a esta decisión consideran que a modificación proposta dará máis flexibilidade para facer fronte aos retos socioeconómicos derivados da continua expansión da área de distribución do lobo en Europa, mantendo ao mesmo tempo un estado de conservación favorable para todas as poboacións de lobos na UE.

 

Coexistencia cas actividades humanas: afrontando os desafíos 

A especie do lobo está actualmente catalogada como especie estritamente protexida. As Partes no Convenio deben dispoñer de medidas para a súa conservación. O estado de conservación do lobo mostrou unha tendencia positiva nas últimas décadas. A especie recuperouse con éxito en todo o continente europeo e estímase que a súa poboación case se duplicou en dez anos (de 11.193 exemplares en 2012 a 20.300 en 2023).

Esta expansión continua xerou desafíos socioeconómicos, en particular no que respecta á coexistencia coas actividades humanas e os danos ao gando. Segundo os últimos datos dispoñibles dos Estados membro, estímase que os lobos matan polo menos 65.500 cabezas de gando cada ano na UE.

A emenda proposta ten por obxecto incluír ao lobo na lista de especies protexidas (trasladándoas ao apéndice III/III do Convenio de Berna). Isto significa que a súa protección debe garantirse mediante medidas adecuadas e necesarias. Calquera explotación da especie debe manter á poboación de lobos fóra de perigo e aliñarse cos requisitos científicos e ecolóxicos, entre outros.

 

Próximos pasos

A Comisión presentará agora a proposta á secretaría do Convenio de Berna. Calquera emenda ao Convenio de Berna debe ser adoptada por dous terzos das súas partes contratantes. As emendas aos apéndices entran en vigor tres meses despois da súa adopción.

O cambio no nivel de protección non sería inmediatamente aplicable na UE. Unha vez que a modificación dos anexos do Convenio de Berna entre en vigor, a UE poderá modificar os anexos correspondentes dos Directiva Hábitats –a lexislación da UE que aplica o Convenio de Berna– para adaptar o nivel de protección dos lobos no seu ordenamento xurídico interno.

Só dous EEMM votaron en contra do texto: España e Irlanda. A aprobación desta posición da UE foi posible especialmente polo cambio de postura de Alemaña. A súa principal demanda para o cambio de posición é que o cambio de status só afectase o lobo e non a outros mamíferos carnívoros.

 

Contexto

O Convenio de Berna, adoptado en 1979 e en vigor desde 1982, é un tratado internacional do Consello de Europa cuxo obxectivo é garantir a conservación e protección das especies de plantas e animais silvestres e dos seus hábitats naturais.

Para iso, o Convenio impón obrigacións xurídicas ás partes contratantes e protexe máis de 500 especies de plantas e máis de 1.000 especies de animais silvestres.

O seu órgano decisorio, o Comité Permanente, reúnese cada ano en Estrasburgo. A UE e os seus Estados membro son partes do Convenio de Berna.

O 20 de decembro, a Comisión remitiu ao Consello unha proposta de decisión para adaptar o estatuto de protección do lobo en virtude do Convenio de Berna. A modificación do estatuto de protección do lobo en virtude do Convenio de Berna é un requisito previo para calquera modificación correspondente do seu estatuto a escala da UE.

Máis información: 

Decisión do Consello sobre o Convenio de Berna e o estatuto de protección do lobo

Biodiversidade: como a UE protexe a natureza

 

 

 

 

 

Fonte: Animalia (CC) 

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data