• As institucións europeas, os gobernos da UE e a sociedade civil comprometéronse por primeira vez a traballar xuntos na loita contra o senfogarismo na UE.
Bruxelas, 23 de xuño de 2021. Nunha conferencia de alto nivel celebrada o pasado 21 de xuño en Lisboa, púxose en marcha a Plataforma Europea de Loita contra o Senfogarismo, co fin de desencadear o diálogo, facilitar a aprendizaxe mutua, mellorar os datos e o seguimento, e reforzar a cooperación entre todos os axentes que pretenden combater o senfogarismo.
A loita contra o senfogarismo, unha prioridade para a Europa Social
A conferencia de alto nivel de Lisboa organizouse conxuntamente pola Presidencia portuguesa do Consello da UE, a Comisión Europea e a Federación Europea de Organizacións Nacionais que Traballan con Persoas sen Fogar (FEANTSA).
No acto, os ministros nacionais, así como os representantes das institucións da UE, as organizacións da sociedade civil, os interlocutores sociais e as cidades, asinaron a Declaración de Lisboa sobre a Plataforma Europea de Loita contra o Senfogarismo, que pon en marcha a Plataforma. Todos eles comprometéronse a traballar xuntos baixo o paraugas da plataforma e a realizar accións dentro das súas respectivas competencias.
O lanzamento da plataforma é o inicio dun proceso para establecer un entendemento e un compromiso común e garantir un progreso concreto nos Estados membros na loita contra o senfogarismo. Ofrece unha oportunidade para comprometerse e traballar cos actores locais, incluídas as cidades e os provedores de servizos. Isto permitirá a todos os actores intercambiar mellor os seus coñecementos e prácticas, e identificar enfoques eficientes e innovadores, para avanzar na erradicación do senfogarismo.
Na Declaración, acordaron os seguintes obxectivos
  1. que ninguén durma na rúa por falta dun aloxamento de emerxencia accesible, seguro e adecuado
  2. que ninguén viva nun aloxamento de emerxencia ou de transición máis tempo do necesario para pasar a unha solución de vivenda permanente
  3. que ninguén sexa dado de alta dunha institución (por exemplo, un cárcere, un hospital ou un centro de asistencia) sen que se lle ofreza unha vivenda adecuada
  4. que se eviten os desafiuzamentos sempre que sexa posible e non se desaloxe a ninguén sen que se lle ofreza unha solución de vivenda adecuada, cando sexa necesario
  5. que ninguén sexa discriminado pola súa condición de sen teito
A nova plataforma é tamén un resultado concreto do Plan de Acción do Pilar Europeo de Dereitos Sociais. Contribúe a cumprir o compromiso renovado das institucións da UE, os Estados membros, a sociedade civil e os interlocutores sociais asumido no Cume Social do Porto de maio para apoiar unha Europa social forte e unha recuperación xusta e inclusiva da pandemia.
Premio para acabar co senfogarismo 2021
Durante a conferencia de alto nivel, tres proxectos dos Estados membros da UE, que foron apoiados polo Fondo Social Europeo (FSE) e o Fondo de Axuda Europea para os Máis Necesitados (FEAD), recibiron o Premio Ending Homelessness 2021.
Na terceira edición dos Premios Ending Homelessness, o obxectivo era dar a coñecer as oportunidades que ofrece o novo Marco Financieiro Plurianual para abordar eficazmente o problema das persoas sen fogar.
O proxecto ”Housing First” da rexión checa de Moravia-Silesia, que inclúe unha ampla gama de servizos e actividades, é o gañador do Premio de Ouro. O proxecto portugués ”É Uma Mesa”, que promove a integración social das persoas sen fogar ofrecéndolles formación, referencias laborais e emprego, é o gañador do Premio de Prata, e Italia gañou o Premio de Bronce co proxecto ”Housing First” de Trieste.
Máis información: Comisión Europea