Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Unión Europea » Competitividade » Lanzamento do Centro de Investimento Global Gateway: Impulsando a participación do sector privado da UE en todo o mundo

Lanzamento do Centro de Investimento Global Gateway: Impulsando a participación do sector privado da UE en todo o mundo

08/10/2025 |

— Unha nova plataforma europea para conectar o investimento privado co desenvolvemento sostíbel global

— O Centro apoiará proxectos en sectores clave como enerxía, dixitalización, transporte, educación e investigación

Bruxelas, 8 de outubro de 2025. A Comisión Europea anunciou hoxe, no Foro Global Gateway, o lanzamento oficial do Centro de Investimento Global Gateway, unha iniciativa pioneira deseñada para simplificar e reforzar a participación do sector privado na estratexia de investimento Global Gateway da UE. Esta nova plataforma ten como obxectivo facilitar os proxectos de investimento de empresas europeas en países socios de África Subsahariana, Asia e o Pacífico, e América Latina e o Caribe, abarcando sectores clave como o clima e a enerxía, o dixital, a educación e a investigación, a saúde e o transporte.

O Comisario de Asociacións Internacionais, Jozef Síkela, afirmou:
“Unha das principais prioridades do meu mandato é fortalecer a implicación do sector privado nos proxectos de Global Gateway, xa que a súa experiencia, innovación e investimento son fundamentais para o noso éxito. O lanzamento do Centro de Investimento Global Gateway supón un paso decisivo para facer que o apoio da UE sexa máis accesíbel e eficaz para as empresas que desexan participar en investimentos sostíbeis e estratéxicos a nivel mundial. Ao ofrecer unha vía clara e coordinada para a participación do sector privado, estamos a crear asociacións de beneficio mutuo que impulsan o desenvolvemento global e, ao mesmo tempo, abren novos mercados e oportunidades para as empresas europeas.”

O Centro de Investimento Global Gateway proporcionará un marco centralizado para recibir e avaliar proxectos de investimento do sector privado europeo e conectalos cunha ampla gama de apoios financeiros e non financeiros da UE, incluíndo fondos da Comisión Europea, o Banco Europeo de Investimentos (BEI), institucións financeiras de desenvolvemento (DFIs), axencias de crédito á exportación e gobernos nacionais. Ao ofrecer un punto de entrada claro, coordinado e áxil para as propostas de investimento, o Centro fomentará proxectos con impacto que promovan o desenvolvemento sostíbel no estranxeiro e, ao mesmo tempo, xeren novas oportunidades para as empresas europeas.

As empresas da UE presentarán as súas propostas de investimento a través dos seus Equipos Nacionais (Team Nationals), plataformas multiactor dirixidas polos gobernos nacionais que reúnen ministerios, bancos de desenvolvemento, axencias de crédito á exportación, organizacións empresariais e misións diplomáticas. Este enfoque pretende garantir que as propostas estean ben aliñadas coas prioridades da UE e dos países socios, maximizando a complementariedade entre o apoio nacional e europeo, así como a calidade e o impacto dos investimentos.

Para seren elixíbeis, os proxectos de investimento deben estar aliñados cos principios e sectores de Global Gateway, demostrar un volume de investimento significativo (habitualmente superior aos 10 millóns de euros) e contar cunha contribución propia relevante por parte do promotor do proxecto. Unha vez admitidos, os proxectos entrarán nunha fase de estruturación personalizada, durante a cal a Comisión Europea, as Delegacións da UE e os Equipos Nacionais traballarán en estreita colaboración cos promotores para mobilizar todo o abano de apoio financeiro e técnico europeo.

O Centro de Investimento Global Gateway preséntase oficialmente e entra en funcionamento pleno durante o Foro Global Gateway os días 9 e 10 de outubro de 2025, con disposicións transitorias para facilitar que os Equipos Nacionais completen a súa preparación operativa.

Para máis información, directrices de solicitude e puntos de contacto, visite a páxina web dedicada ao Centro de Investimento Global Gateway.

Antecedentes

O Investment Hub é a porta de entrada única da Unión Europea para as empresas europeas (ou consorcios de empresas da UE) que desexen impulsar proxectos de investimento en rexións como África subsahariana, Asia ou América Latina, co respaldo do programa Global Gateway. Estará coordinado pola Dirección Xeral de Asociacións Internacionais (DG INTPA) da Comisión, e a idea é que o Hub actúe como un facilitador estratéxico entre os investidores privados e o ecosistema europeo de apoio institucional.

A súa labor artéllase en dúas dimensións principais:

  • Apoio non financeiro: acompañamento ao promotor do proxecto con respaldo diplomático, coordinación con autoridades locais, asistencia técnica, procura de socios europeos e mellora do contorno regulador.

  • Apoio financeiro: facilitar subvencións, garantías, financiamento en moeda local ou cobertura de riscos cambiarios, investimentos directos (débeda, capital) e apoio a investimentos habilitadores (infraestruturas, formación, cadeas locais de subministración).

Máis información:

© European Union, 2025 

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data