- Remata a primeira reunión en Bruxelas da Conferencia de Asuntos Relacionados coas Comunidades Europeas
Bruxelas, 15 de abril 2010. O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta representou hoxe a Galicia na reunión da Conferencia de Asuntos Relacionados coas Comunidades Europeas (CARCE) que, con motivo da Presidencia Española, se celebrou por primeira vez en Bruxelas.
A reunión estivo presidida polo vicepresidente terceiro e ministro de Política Territorial, Manuel Chaves. No encontro participaron, ademais de representantes das 17 comunidades autónomas, o secretario de estado para a UE, Diego López Garrido, e o secretario de Estado de Política Territorial Gaspar Zarrías. Ademais, contou coa participación do comisario de Política Rexional Johannes Hanh, do vicepresidente do Parlamento Europeo, Miguel Ángel Martínez, e do expresidente do Comité das Rexións Luc Van den Brande.
O representante da Xunta de Galicia expresou nunha das súas intervencións o malestar de Galicia ante os poucos avances da Presidencia Española respecto das prioridades do goberno galego no ámbito europeo. As prioridades galegas xa lle foron transmitidas nun documento polo presidente da Xunta ao secretario de estado para a Unión Europea o pasado 26 de agosto e reiteradas á vicepresidenta primeira do goberno Mª Teresa Fernández de la Vega o 6 de febreiro deste ano durante a súa visita a Galicia.
Gamallo fixo fincapé especialmente en tres áreas:
- O feito de que Santiago de Compostela non teña sido sede, en pleno Ano Santo Compostelano, da reunión de alto nivel dos ministros europeos de Cultura. Esta reunión tería contribuído, sen dúbida, a dotar dunha maior visibilidade ao Xacobeo 2010. Esta circunstancia testemuña a ”miopía política do goberno, ao obviar que Santiago de Compostela e o Camiño Xacobeo son un referente en Europa”.
- O feito de que a estas alturas non se teñan realizado as xestións oportunas pola Presidencia Española para levantar as restriccións á construcción de buques civís nos estaleiros de Fene, en liña coas reiteradas peticións da Xunta.
- A situación do debate sobre os Fondos Estruturais en relación cos cales o goberno español perdeu unha oportunidade para comezar e liderar o debate na UE en beneficio das rexións españolas. Ao seu xuízo o goberno deixa así o traballo á Presidencia Belga. En todo caso, a Xunta segue actuando de modo directo para conseguir un período transitorio para que as rexións que deixan de ser obxectivo converxencia, como é o caso de Galicia, non sufran unha perda brusca de fondos europeos, e para que a política de cohesión aposte pola cooperación transfronteiriza e interrexional.
Contidos da reunión da CARCE
Durante o transcurso desta reunión, o goberno de España informou sobre o desenvolvemento da Presidencia Española da UE, analizáronse as propostas do Plan Anual da CARCE 2010, no que Galicia tivo unha participación moi activa a través do seu grupo de traballo. Tamén debateuse a participación autonómica en novas formacións do Consello da UE.
Neste Plan anual 2010 inclúense os seguintes aspectos: o funcionamento e organización da Conferencia, o fomento da participación das Comunidades Autónomas nas institucións da Unión Europea, o seguimento da normativa comunitaria e do Sistema de Información do Mercado Interior, a aplicación do principio de subsidiariedade, o adecuado tratamento na UE das linguas cooficiais autonómicas e a cooperación transfronteiriza e territorial, con especial referencia ao novo instrumento de cooperación territorial (AECT).
Os responsables de asuntos europeos tamén aprobaron a modificación do Regulamento Interno da CARCE. Estas modificacións fan referencia ao cambio da actual denominación pola de “Conferencia para Asuntos Relacionados coa Unión Europea”, acorde co Tratado de Lisboa; a reforma do réxime de convocatoria e do quorum de constitución, e a consideración da participación a través da técnica de videoconferencia, que pretende modernizar e adaptar o sistema as novas tecnoloxías.