Santiago de Compostela, 28 de abril de 2010. O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, celebra que, seguindo a súa petición, a Comisión de Cidadanía, Gobernanza, Asuntos Institucionais e Asuntos Exteriores do Comité das Rexións (CIVEX) incluíra por primeira vez no seu programa de traballo o tratamento e seguimento das relacións con América Latina.


Gamallo asistiu en Barcelona á reunión da CIVEX, que analizou a situación dos traballos da Comisión referidos, principalmente, ao ámbito exterior e á ampliación. Neste senso tamén se debateu o programa de traballo da Comisión para 2010, que será finalmente adoptada pola mesa do Comité das Rexións en xuño e que incluirá por primeira vez o tratamento e seguimento das relacións con América Latina.


A dimensión latinoamericana do traballo do Comité das Rexións suporá o reforzamento das relacións deste organismo europeo co subcontinente americano, de gran tradición europea. O Comité recoñece así a importancia das relacións económicas, culturais e históricas con América Latina para as rexións europeas.


Para o director xeral é importante ter en conta o interese destes países por tender pontes con Europa en varios ámbitos e, desde a perspectiva galega, en particular no referido á tradición de cooperación transfronteiriza interrexional que existe entre países da importancia de Brasil, Arxentina ou Paraguay, cos que Galicia proponse recuperar o frutífero intercambio de boas prácticas iniciado no pasado.


Ademais, ábrese a posibilidade de incrementar os programas de cooperación ao desenvolvemento entre rexións europeas e os países da área latinoamericana definidos como receptores prioritarios de axuda oficial ao desenvolvemento por Nacións Unidas.


Como portavoz-coordinador do PPE nesta reunión, Gamallo centrou todos os seus esforzos en convencer aos membros da comisión da necesidade de incluír a cooperación con América Latina nesta nova etapa, como finalmente sucedeu.



Protección dos dereitos da infancia e ampliación da UE


No curso da reunión do CIVEX debatéronse tamén dous proxectos de ditame, destacando un deles pola importancia dada á cooperación local e rexional para a protección dos dereitos da infancia na Unión Europea. Os membros do Comité recoñeceron que este tema é de vital importancia e deberíase incorporar como prioridade en todas as políticas rexionais, nacionais e europeas dos Estados membros.


O segundo dos ditames abordados fai referencia aos esforzos realizados pola UE para achegarse aos países candidatos de futuras posibles ampliacións da UE e fai fincapé na necesidade de que os municipios e rexións destes Estados teñan posibilidade de participar activamente no proceso de integración. Concretamente, centrarase na solicitude de adhesión presentada por Albania, e nos Acordos de estabilización e Asociación entre a UE e Montenegro e a UE e Serbia; así como o avance das reformas en Kósovo.



Programa de Estocolmo


Doutra banda, Gamallo participou, no día de hoxe, no seminario sobre o chamado Programa de Estocolmo baixo o título “Unha Europa aberta e segura que sirva e protexa ao cidadán”, no que se debateu o novo marco para o Espazo de Liberdade, Seguridade e Xustiza na UE.


Aproveitando a súa presencia no seminario, o encargado das relación coa UE da Xunta mantivo un encontro coa Secretaria de Estado de Emigración e Inmigración do Goberno español, Anna Terrón, antiga colega no Comité das Rexións.


A Comisión CIVEX, que neste novo mandato reúne as antigas comisións RELEX e CONST, ten competencias en temas como o espazo de liberdade, seguridade e xustiza; a política de inmigración, asilo e visados; a Carta dos Dereitos Fundamentais da UE; o Tratado da UE; a política de vecindade ou a cooperación ao desenvolvemento, entre outros ámbitos.