Actualidade
Portada » Actualidade » Novas » Unión Europea » Enerxía »A Comisión Europea publica o informe anual sobre a Unión Enerxética
— No informe recálcase que nos derradeiros anos a Unión Europea foi capaz de afrontar importantes retos con respecto á súa seguridade enerxética e mudar a tendencia con respecto ás principais fontes de enerxía que son utilizadas.
Bruxelas, 11 de setembro de 2024. A Comisión europea vén de publicar o seu noveno informe sobre o estado da Unión da Enerxía, no que se sinalan os grandes avances na Unión Europea para asegurar o seu abastecemento de enerxía así como para reducir a súa dependencia de fontes de enerxía contaminantes, achegándose cada vez máis aos obxectivos establecidos para 2030.
Redución da dependencia do gas ruso
En maio de 2022 a Comisión Europea adoptou a estratexia REPowerEU, en resposta ás demandas do Consello Europeo de reducir a dependencia das importacións de gas ruso. Este plan pretende reducir dita dependencia diversificando as fontes de enerxía da UE, reducindo a demanda enerxética interna e acelerando a instalación de fontes de enerxía renovable. Neste sentido, no informe destácase a progresiva redución na proporción que o gas ruso representa do total de importacións deste recurso, pasando dun 45% do total no 2021 a un 18% na primeira metade do 2024.
Ao mesmo tempo, a Comisión Europea destaca que a UE excedeu o seu obxectivo voluntario de reducir a demanda interna de gas nun 15% tal e como establece o Regulamento sobre medidas coordinadas para reducir a demanda de gas. Máis concretamente, afirmase que a o bloque de estados membros reduciu a súa demanda de gas entre agosto de 2022 e maio de 2024 nun 18%. Combinado coa obriga establecida polo Regulamento relativo á reserva de gas de asegurar unha ocupación do 90% dos sistemas de reserva de gas en cada estado, considérase que a Unión está mellor preparada hoxe para alcanzar os obxectivos relativos á eliminación da dependencia enerxética de Rusia.
Avances para a consecución dos obxectivos para 2030 en materia de enerxía renovable
O informe publicado pola institución europea tamén fai fincapé nos avances realizados en materia de instalación de fontes de enerxía renovables e no aumento da eficiencia enerxética acadado nos últimos tempos. O documento destaca un progresivo aumento de capacidade para xerar enerxía limpa instalada nos diferentes estados membros, ata o punto de que a eólica é a segunda fonte enerxética máis importante actualmente no conxunto da Unión. Ademais, constatouse unha redución do consumo enerxético do 4,1% con respecto ao ano precedente, incrementando así a eficiencia do sistema. Estes dous feitos posibilitaron que na primeira metade de 2024 acadárase por primeira vez que a metade da produción de enerxía fose a través de fontes renovables, o que sitúa á UE no camiño de acadar a redución de emisións necesaria no sector da enerxía para facer posibles os obxectivos climáticos de 2030.
Reforzando a seguridade enerxética e a competitividade
O informe trata, finalmente, retos ós que a Unión Europea aínda debe facer fronte nos próximos meses, entre os que destaca o de manter e promover a viabilidade da industria europea. Seguindo a mesma dirección na que apuntaba Mario Draghi no seu informe sobre a competitividade da economía europea, o documento publicado pola Comisión destaca a necesidade de crear alianzas entre a industria e o sector enerxético para promover o desenvolvemento económico e a innovación tecnolóxica da Unión.
Capacitando aos consumidores para a transición limpa
Coa nova lexislación sobre o mercado da enerxía como a reforma da configuración do mercado da electricidade, os máis vulnerables están mellor protexidos contra a desconexión. No caso da crise dos prezos do gas natural, os Estados membros poderán introducir medidas para protexer aos consumidores e garantir o acceso a unha enerxía asumible e a servizos socias esenciais. Isto incluiría intervencións na fixación de prezos polo miúdo para protexer aos consumidores fronte a uns prezos excesivamente elevados.
O Fondo Social para o Clima tamén constituirá un instrumento fundamental para mobilizar polo menos 86 700 millóns de euros para o período 2026-2032, financiados con ingresos do Réxime de Comercio de Dereitos de Emisión (ETS) e un cofinanciamento por parte dos Estados membros de polo menos o 25%. O Fondo apoiará as medidas estruturais e os investimentos en renovacións destinadas a mellorar a eficiencia enerxética, o acceso a vivendas eficientes dende o punto de vista enerxético, os sistemas de calefacción e refrixeración limpos e a integración de enerxías renovables, así como a mobilidade e o transporte de cero emisións e de emisións baixas. Tamén existe a opción de proporcionar axuda temporal e directa á renda.
Contexto
Cada ano a Comisión Europea publica un estudo sobre o progreso conseguido en relación aos obxectivos da Unión Enerxética. Este ano o informe analiza os avances conseguidos en diferentes campos de actuación que centraron o derradeiro ano de mandato da Comisión.
O documento contén datos pormenorizados que reflicten a demanda de gas no territorio europeo, a capacidade de enerxía renovable instalada, e o consumo de enerxía por sector económico, ofrecendo unha imaxe completa dos avances realizados cara a consecución dos obxectivos en materia de independencia enerxética e descarbonización neste ámbito.
Fonte: Comisión Europea
Máis información:
- Informe sobre o estado da Unión da Enerxía de 2024
- Páxina web da Unión da Enerxía