Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Unión Europea » Cidadanía e institucións europeas » A Unión Europea prepara o marco para prosperar en tempos turbulentos e garantir un espazo seguro para cidadáns e empresas

A Unión Europea prepara o marco para prosperar en tempos turbulentos e garantir un espazo seguro para cidadáns e empresas

09/09/2025 |

— O informe de 2025 identifica oito eixes de actuación nos que Europa pode reforzar a súa resiliencia

— Estes ámbitos fornecen un marco para garantir que Europa estea preparada para as próximas décadas, aproveitando ao mesmo tempo as novas oportunidades

Bruxelas, 9 de setembro de 2025. O Informe sobre prospectiva estratéxica de 2025 da Comisión Europea presenta a «Resiliencia 2.0», un enfoque prospectivo e proactivo para garantir que a UE prospere en tempos turbulentos, anticipe novos retos e cree un espazo seguro para a cidadanía e as empresas.

O informe identifica diversas megatendencias: aceléranse as transicións climática e ambiental, as preocupacións en materia de seguridade van en aumento e a competencia mundial está a reconfigurar as economías e as sociedades. Ao mesmo tempo, Europa enfróntase a cuestións relacionadas coa súa autonomía estratéxica, a súa competitividade, a súa cohesión social e a protección da democracia e dos seus valores fundamentais.

Ante a magnitude e a complexidade dos retos futuros, os responsables políticos teñen que considerar escenarios descoñecidos ou mesmo difíciles de imaxinar. O informe converte a prospectiva nunha ferramenta habitual na elaboración das políticas da UE. A partir de 2026, os informes anuais de prospectiva non só analizarán as tendencias, senón que tamén simularán como afectarían a Europa os diferentes escenarios futuros, e empregarán ese coñecemento para deseñar as políticas en todos os ámbitos.

O informe de 2025 identifica oito eixes de actuación nos que Europa pode reforzar a súa resiliencia:

  • desenvolver unha visión global da UE como socia forte, estable e fiable, tanto dentro das súas fronteiras coma a nivel mundial;

  • amplificar a seguridade interior e exterior cun enfoque sólido desde o punto de vista tecnolóxico;

  • aproveitar o poder da tecnoloxía e da investigación para apoiar a prosperidade e os valores;

  • reforzar a resiliencia económica a longo prazo para absorber perturbacións e soster o crecemento;

  • apoiar o benestar sostible e inclusivo como parte do modelo social europeo;

  • reimaxinar a educación e as capacidades para afrontar o cambio tecnolóxico e social;

  • salvagardar a democracia, a liberdade dos medios de comunicación e a cohesión social, ao tempo que se loita contra a desinformación;

  • anticipar a transformación demográfica e promover a equidade interxeracional.

Considerados no seu conxunto, estes ámbitos fornecen un marco para garantir que Europa estea preparada para as próximas décadas, aproveitando ao mesmo tempo as novas oportunidades.

Contexto

A Comisión Europea é unha das principais administracións públicas do mundo que empregan a prospectiva estratéxica. Desde 2020, a Comisión publica informes anuais de prospectiva estratéxica. A edición de 2025 —a primeira deste mandato— baséase nas recentes estratexias e informes da Comisión en materia de resiliencia, así como nunha convocatoria pública de achegas, un proceso participativo no seo da Comisión Europea e consultas con socios institucionais da UE a través do sistema europeo de análise estratéxica e política, da rede de prospectiva das axencias descentralizadas da UE, dos grupos de reflexión e dos Estados membros a través da rede de prospectiva a escala da UE.

Máis información: Comisión Europea

© European Union, 2021

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data