INFORME DA COMISIÓN EUROPEA SOBRE A CREACIÓN DE “MINIEMPRESAS” NO ENSINO SECUNDARIO

A Comisión Europea, a través da súa Dirección Xeral de Empresa, presentou
recentemente un novo informe, denominado “As miniempresas no ensino secundario”
que constata con optimismo o éxito do fenómeno de creación de “miniempresas” por
estudantes de secundaria na Unión Europea.


O informe en cuestión presenta 82 programas de creación deste tipo particular
de empresa nos 25 Estados membros da Unión e Noruega, o que representa a máis de
200.000 estudantes de secundaria a nivel europeo.


A creación de “miniempresas” representa unha forma orixinal de pór en
contacto ós estudantes coa realidade económica e comercial do mercado. Estes
alumnos de secundaria compaxinan durante un ano a xerencia da súa empresa co
desenvolvemento normal do seu curso académico, nunha forma diferente de reforzar
as súas capacidades persoais e laborais. A responsabilidade, o traballo en
equipo, a capacidade de iniciativa e a creatividade son aspectos importantes que
se ven favorecidos polo devandito fenómeno.


O informe da Comisión Europea destaca ante todo os éxitos que acompañan á
creación de estas “miniempresas”, posto que un 20% dos estudantes participantes
nestes proxectos acaban creando a súa propia empresa ó rematar os seus estudos
de secundaria, e así mesmo estes alumnos multiplican por catro as posibilidades
de crear a súa propia empresa no futuro. O informe tamén identifica a 49 destas
empresas coma vendedoras de bens reais, fronte ó 33% que subministran bens
virtuais.


Por outra banda, soamente en catro países (Irlanda, Letonia, Austria e
Noruega) a  súa creación é oficialmente recoñecida no curso académico, e si
ben o éxito destes programas é importante en certos países (Irlanda e Reino
Unido, cun 45% de establecementos de secundaria participando neles), o informe
pon de manifesto que soamente o 1% dos estudantes participaron nalgún destes
programas no curso académico 2003-2004.


O problema principal co que se afrontan estes ambiciosos proxectos á hora da
súa aplicación práctica é a falta de apoio polos propios sistemas educativos, xa
que na maioría das veces, estes programas son impulsados por organizacións
externas (sobre todo ONG).


Por todo iso, a Comisión formula unha serie de recomendacións neste informe,
dirixidas ás autoridades públicas responsables dos servicios da educación, a
tódolos niveis (nacional e rexional) para que se reforce fortemente este
fenómeno nos plans de estudos coma unha materia opcional.


Texto
completo do informe