Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Actividades FGE » Cursos » Arranca a 20ª edición do curso de financiamento europeo TecEuropa da Fundación Galicia Europa

Arranca a 20ª edición do curso de financiamento europeo TecEuropa da Fundación Galicia Europa

28/05/2024 |

— Co seu curso de financiamento comunitario, a Fundación Galicia Europa brinda ás entidades galegas a oportunidade de coñecer o funcionamento dos fondos da UE e o proceso de presentación de proxectos europeos.

— Nos seus nove anos de historia, TecEuropa sumou máis de mil participantes do sector público e privado ao longo de vinte edicións.

Bruxelas, 28 de maio de 2024. Esta mañá deu comezo a vixésima edición do curso de financiamento europeo “TecEuropa”. Organizada pola Fundación Galicia Europa (FGE), esta iniciativa está destinada a entidades galegas públicas e privadas que buscan especialización no funcionamento dos fondos da Unión Europea e no proceso de presentación de proxectos.

A inauguración da primeira sesión correu a cargo de Ana Ramos, directora da oficina de Bruxelas da FGE, que lles achegou aos participantes a utilidade do programa de cara a promover o aproveitamento das oportunidades que brinda o marco financeiro europeo. Nesta ocasión, o curso conta con 60 inscritos: 31 integrantes do sector público autonómico, catro de entes locais, catro de asociacións empresariais e cámaras de comercio, oito de empresas, seis de entidades do terceiro sector e dous de centros de investigación.

A primeira das catro xornadas desta edición de TecEuropa consistiu nunha visita virtual á Comisión Europea na que dous funcionarios explicaron dúas das políticas europeas que foron clave no presente mandato, a piques de rematar tras a celebración das eleccións europeas a vindeira semana. Máis concretamente, abordáronse a transición verde e o desenvolvemento rexional da Unión no período 2021-2027.

Nas vindeiras sesións do programa, que se celebrarán os días 30 de maio e 4 e 6 de xuño, distintos expertos en financiamento europeo explicarán tanto o funcionamento dos fondos comunitarios como os distintos tipos que existen e o proceso de presentación dun proxecto europeo, entre outras cuestións.

Participación galega en proxectos europeos

Desde o seu lanzamento en 2015, nas 20 edicións do programa TecEuropa participaron máis de mil persoas. Tras dúas primeiras edicións en formato presencial que reuniron a case 200 participantes, as xornadas adoptaron a modalidade virtual con motivo da pandemia e mantivérona ata a actualidade.

A formación en financiamento comunitario co obxectivo de capacitar á sociedade galega e a promoción da participación das entidades públicas e privadas en distintos proxectos europeos é un dos principais ámbitos de actuación da Fundación Galicia Europa.

Máis información: Xunta de Galicia

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data