Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Unión Europea » Axenda Dixital » Directrices para unha IA máis segura e transparente

Directrices para unha IA máis segura e transparente

02/08/2026 | ,

— Desde o 2 de agosto de 2026 aplícanse novas obrigas de transparencia para os sistemas de intelixencia artificial

— O obxectivo é reforzar a protección das persoas fronte á desinformación e aos contidos xerados por IA

Bruxelas, 2 de agosto de 2026. O 2 de agosto de 2026 comezan a aplicarse novas normas sobre a transparencia dos sistemas de intelixencia artificial (IA).

A IA avanza rapidamente, o que fai cada vez máis difícil distinguir os contidos xerados e manipulados por IA dos contidos auténticos creados por persoas. Isto crea novos riscos de desinformación e manipulación a gran escala, fraude, suplantación de identidade e engano ás persoas consumidoras.

As novas obrigas de transparencia axudarán ás persoas a recoñecer cando están interactuando cun sistema de IA ou están expostas a contidos xerados por IA, de maneira que poidan tomar decisións informadas e protexerse mellor fronte á desinformación ou ao engano.

Obrigas de transparencia 

A UE establece unha serie de obrigas de transparencia para os provedores e responsables do despregamento de determinados sistemas de IA.

Marcaxe e etiquetaxe dos contidos xerados por IA

Algúns contidos xerados ou manipulados mediante IA deberán etiquetarse de forma clara e visible e incluír marcas lexibles electronicamente. A UE creou un conxunto de iconas que poden empregarse para este fin.

Isto aplícase a:

  • imaxes e contidos de audio e vídeo que se asemellen a persoas, obxectos, lugares, entidades ou acontecementos reais (ultrafalsificacións);
  • ferramentas de recoñecemento de emocións e de categorización biométrica;
  • textos publicados para informar sobre asuntos de interese público cando non fosen sometidos a revisión humana ou control editorial.

Transparencia ao interactuar cun sistema de IA

As persoas usuarias deberán ser informadas de forma clara cando non estean interactuando cunha persoa real, senón cun sistema de IA, por exemplo un chatbot, un axente de IA ou un avatar.

A Comisión publicou directrices para axudar aos provedores e aos responsables da implantación de sistemas de IA a cumprir estas obrigas de transparencia. As directrices explican como pode demostrarse o cumprimento da normativa, en particular mediante a adhesión a un código de boas prácticas.

Cumprimento das normas e sancións

As autoridades nacionais de vixilancia do mercado, a Oficina Europea de IA (para os sistemas baixo a súa supervisión) e o Supervisor Europeo de Protección de Datos (cando as institucións da UE sexan provedoras ou responsables da implantación) son as encargadas de garantir o cumprimento das normas de transparencia e poden impoñer sancións.

  • Ata 15 millóns de euros ou o 3 % do volume de negocio anual mundial, no caso das empresas.
  • Ata 750.000 euros para as institucións, órganos e organismos da UE.
  • As sancións aplicaranse tendo en conta o principio de proporcionalidade para as pequenas e medianas empresas (pemes) e as empresas de mediana capitalización.

O Regulamento de Intelixencia Artificial entrou en vigor o 1 de agosto de 2024. As súas disposicións aplícanse de forma progresiva, con diferentes obrigas que entran en vigor en distintos momentos.

O Regulamento crea un mercado único e normas harmonizadas para unha IA fiable na UE, promove a innovación e a adopción desta tecnoloxía e aborda os posibles riscos para a saúde, a seguridade e os dereitos fundamentais das persoas, salvagardando ao mesmo tempo a democracia e o Estado de dereito. Garantir a súa aplicación efectiva constitúe agora unha prioridade fundamental para a Comisión.

Máis información: Comisión Europea

Preguntas frecuentes: Obrigas de transparencia.

Datos de interese: Normas de transparencia para os sistemas de IA.

Facer que a intelixencia artificial funcione para as persoas.

Intelixencia artificial.

© European Union, 2025

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data