Bruxelas, 14 de decembro de 2015.- A Unión Europea ten xogado un papel clave no acordo histórico
sobre o clima acadado en París, onde 195 países veñen de adoptar un novo acordo
climático de carácter vinculante. Este ambicioso acordo, o primeiro de carácter
multilateral deste século, pon en marcha un plan de acción global para evitar o
cambio climático e manter a taxa de quecemento global por debaixo dos 2ºC.

O pacto
é resultado de anos de esforzos por parte da comunidade internacional para
acadar un acordo multilateral sobre cambio climático. Despois da pouca
participación no tratado de Kyoto e a falta de acordo en Copenhage en 2009, a
UE traballou para acadar unha gran coalición de países desenvolvidos e en vías
de desenvolvemento para conseguir este ambicioso acordo en París.

O comisario
de Acción polo Clima e a Enerxía, Miguel Arias Cañete salientou que “este
acordo é un gran triunfo para Europa, pero máis importante, é un gran triunfo
para a comunidade global. Europa liderou os esforzos en París para conseguir
este acordo ambicioso e vinculante sobre o cambio climático. Formamos alianzas
e outros uníronse. Agora, o prometido debe cumprirse. Europa continuará
liderando a transición cara unha economía de baixa emisión de carbono”.  

O acordo de París

O
acordo de París é unha ponte entre as políticas actuais e a neutralidade
climática de cara á fin do século. En París, os gobernos acordaron ser
ambiciosos, comprometidos e solidarios.

Ambición: os gobernos comprometéronse a manter o incremento da
media da temperatura en menos de 2ºC e intentar acadar que sexa baixo 1.5ºC, xa
que isto aplacaría os riscos no cambio climático. O acordo pide que as emisións
baixen o antes posible, e recoñecen que isto será máis difícil de acadar nos
países en vías de desenvolvemento. Antes e durante o cumio, cada país presentou
o seus plans nacionais para reducir as súas emisións.

Compromiso: para acadar estes obxectivos, os gobernos acordaron
reunirse cada cinco anos para establecer novas metas de acordo cos avances
científicos. Acordaron do mesmo xeito informarse uns aos outros e tamén ao
público dos seus avances.

Solidariedade: A UE e outros países desenvolvidos continuarán a apoiar a
acción climática para reducir as súas emisións e reducir o impacto destas en
terceiros países.

Ademais
destes compromisos, o acordo de París inclúe un articulo que fai referencia ás
perdas provocadas polo impacto do cambio climático. Os países recoñecen ademais
a necesidade de cooperar e apoiar un maior entendemento e apoio a outras áreas
como os sistemas de avaliación de risco ou preparación ante emerxencias.

Fonte

Máis información sobre as prioridades da Comisión Europea no ámbito da acción climática aquí