- A reunión, celebrada en Cáceres, contou coa participación
do vicepresidente terceiro do Goberno español, Manuel Chaves, do presidente de
Estremadura, Guillermo Fernández Vara e de representantes de varias Agrupacións
Europeas de Cooperación Territorial (AECT) - O director xeral de Exteriores e coa UE reiterou o firme compromiso
de Galicia coa cooperación transfronteiriza
Santiago, 3
de maio de 2010. O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE,
Jesús Gamallo, participou en Cáceres na reunión sobre cooperación territorial
europea organizado baixo a Presidencia española da UE en colaboración co Comité
das Rexións (CdR).
Gamallo abordou na súa intervención a estreita
colaboración existente entre Galicia e a Rexión Norte de Portugal, así como a
vontade de profundizar na mesma no futuro. Logo da súa intervención destacou a
relevancia do feito de que a única Agrupación Europea de Cooperación Territorial
(AECT) en funcionamento na fronteira luso-española de ámbito rexional sexa a de
Galicia co Norte de Portugal.
Neste mesmo sentido cabe destacar a mención ao compromiso
recentemente asumido polo presidente da Xunta de Galicia en relación coa
redacción do ditame do Comité das Rexións sobre a revisión das AECT. Este
compromiso da conta da decidida aposta pola cooperación transfronteiriza como
ferramenta para incrementar e afianzar a cohesión na UE e para facer que os
cidadáns se consideren parte integrante do proxecto europeo.
Neste senso Jesús Gamallo aproveitou para apuntar varios
elementos que formarán parte do futuro ditame sobre as AECT, así como para
invitar a todas as partes interesadas a enviar as aportacións que
consideren oportunas para a súa consideración de cara á elaboración dese texto.
Entre os puntos fundamentais que abordará o ditame cabe sinalar as
circunstancias particulares que non teñen permitido o surximento e constitución
de máis AECT en Europa, e as dificultades para obter financiamento europeo para
este tipo de inicitivas. “O futuro ditame do Comité das Rexións significa, nin
máis nin menos que o futuro da cooperación transfronteiriza en Europa. Se
acertamos, os cidadáns europeos entenderán mellor as vantaxes da Europa Unida,
porque trátase dunha cooperación cercana aos seus problemas”, apuntou
Gamallo.
O cumio de Cáceres, organizado pola Presidencia Española
da UE, e que contou coa colaboración do Comité das Rexións, foi a plataforma
elixida por este organismo comunitario para o lanzamento dunha ampla consulta
pública sobre as AECT en Europa na que o presidente da Xunta, como poñente deste
ditame, invitará aos membros do CdR e outras partes interesadas a expresar as
súas reflexións ao respecto. Esta consulta xurídico política será un valioso
elemento a ter en conta para o ditame do Comité das Rexións sobre esta
figura.
Por último, o director xeral púxose a disposición de todos
os interesados para poder seguir a intercambiar ideas en encontros bilaterais
sobre a revisión do regulamento de AECT, de modo que o ditame resultante desta
ampla consulta chegue a reflectir as sensibilidades de todos os actores europeos
implicados, sexan estes rexións, asociacións, AECT xa constituídas ou
institucións europeas tales coma o Parlamento Europeo ou a Comisión
Europea.
O vindeiro mes de xuño terá lugar a presentación do
primeiro documento de traballo sobre este ditame no Comité das Rexións sobre o
que se recibirán comentarios e aportacións. Seguidamente, en setembro e novembro
presentarase e debaterase o ditame na comisión de Cohesión
Territorial (COTER) do CdR para a súa aprobación definitiva en febreiro de
2011.