- Os barcos de armadores galegos con bandeira británica que faenan en Gran Sol e operan en portos galegos descargaron neles o ano pasado preto de 7.000 toneladas de peixe fresco e conxelado cun valor económico en primeira venda duns 37 millóns de euros.
- A Xunta de Galicia estará representada na comisión especial creada polo Goberno central para abordar os temas do eido marítimo-pesqueiro en relación ao Brexit.
- A comunidade autónoma galega foi a primeira rexión europea en trazar unha folla de ruta co obxectivo de minimizar o impacto da saída británica sobre os intereses pesqueiros.
A Coruña, 3 de setembro de 2019. A conselleira do Mar, Rosa Quintana, trasladou hoxe ao delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, a preocupación da frota de capital galego e bandeira británica ante o Brexit e a súa importancia socioeconómica co obxectivo de buscar medidas para estar preparados de maneira que os efectos da saída de Reino Unido da Unión Europea sexan os menores posibles sobre a actividade económica do sector pesqueiro.
Así o expuxo Rosa Quintana nunha xuntanza mantida hoxe en A Coruña con Javier Losada á que tamén asistiron a secretaria xeral técnica, Isabel Concheiro, e a directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez. Nela a titular de Mar puxo de relevo a actividade dos arredor de 50 barcos con bandeira británica e de armadores galegos, dos que 30 faenan en Gran Sol e 20 traballan en augas das illas Malvinas. Neste senso, os primeiros fan as súas operacións de aprovisionamento e venda das capturas en portos galegos, descargando neles o ano pasado «preto de 7.000 toneladas de pesca fresca e conxelada cun valor económico en primeira venda duns 37 millóns de euros», explicou a conselleira do Mar.
Nesta liña, Rosa Quintana puxo como exemplo os portos de Celeiro e de Burela, onde a frota de armadores galegos con bandeira británica fai as súas operacións e nos que a actividade pesqueira é clave, polo que demandou ao delegado do Goberno a articulación de medidas, especialmente en relación a aspectos aduaneiros e de control hixiénico-sanitario, que permitan que estes buques poidan seguir operando desde estes peiraos. Esta petición faise tamén en virtude do seu alto impacto socioeconómico, toda vez que varios estudos cifran o impacto en emprego indirecto nuns catro postos de traballo en terra por cada un dos xerados a bordo.
Todas estas cuestións serán defendidas e expostas por Galicia tamén no marco da comisión especial creada polo Goberno central para abordar os temas do eido marítimo-pesqueiro en relación ao Brexit. Nesta comisión específica están representados os axentes económicos e sociais e diferentes administracións, entre elas a Xunta de Galicia, que pediu participar de forma expresa. O obxectivo da Administración galega, explicou a titular de Mar, é «seguir traballando na protección dos intereses deste sector que para Galicia é fundamental e pór en valor o esforzo que as empresas, armadores, mariñeiros e administracións involucradas estamos a facer».
Pasos previos dados por Galicia
Galicia foi a primeira rexión europea en trazar unha folla de ruta co obxectivo de minimizar o impacto do Brexit sobre os intereses pesqueiros. No ano 2016, a Xunta de Galicia encargou ao Instituto Universitario de Estudos Europeos Salvador de Madariaga, da Universidade da Coruña, un informe no que analizou as consecuencias da retirada de Reino Unido da UE para a pesca galega.
A este sumouse o estudo realizado pola Universidade de Santiago de Compostela, tamén por encargo da Xunta, para analizar aspectos económicos como o posible impacto por cese da pesqueira e de acceso ás augas, principalmente dos buques que faenan en augas británicas e malvinas. Tamén se suma a opinión xurídica do director do Instituto Universitario de Estudos Europeos Salvador de Madariaga, José Manuel Sobrino, sobre a situación na que se atopa o proceso de retirada británica da Unión Europea en perspectiva marítimo-pesqueira e que é previa ao informe final encargado pola Xunta sobre esta materia.
A maiores, Galicia está a aproveitar diferentes oportunidades para buscar rexións e estados membros aliados na defensa de intereses comúns. Un exemplo é o seminario que acolleu Santiago de Compostela en febreiro de 2018, no que distintos países europeos puxeron en común a información de interese e sumaron argumentos para a defensa do mar nas negociacións do Brexit.
Fonte: Xunta de Galicia