Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Galicia na UE » Asuntos Marítimos » Galicia traslada a Bruxelas que a frota galega deixaría de ser rendible coa posible eliminación das bonificacións aos combustibles na pesca

Galicia traslada a Bruxelas que a frota galega deixaría de ser rendible coa posible eliminación das bonificacións aos combustibles na pesca

30/11/2021 |

  • Así o reflicte un informe da Xunta sobre o posible impacto no sector pesqueiro das distintas propostas da Organización Mundial de Comercio e da Comisión Europea relacionadas coa fiscalidade dos combustibles da frota e que entregou a conselleira do Mar a representantes de distintos departamentos do Executivo comunitario.
  • Amosa que incluso o segmento de frota que menor impacto rexistraría, que é o de artes menores, tería un beneficio anual inferior ao salario medio bruto de Galicia.
  • No eido xurídico incide na importancia do level playing field e no ambiental destaca a baixa pegada de carbono da actividade marítimo-pesqueira dentro da produción de alimentos.
  • A titular de Mar expuxo que o obxectivo deste traballo é que as aportacións de Galicia sexan tidas en conta polas distintas institucións que participan nos debates e negociacións relacionados cos gravames dos combustibles e que sexan conscientes do impacto que as súas decisións poden ter no sector pesqueiro galego. 

 

Bruxelas, 30 de novembro de 2021.- A conselleira do Mar, Rosa Quintana, trasladou hoxe á directora xeral de Asuntos Marítimos e Pesca (DG MARE), Charlina Vitcheva, e a representantes doutros departamentos da Comisión Europea que a posible eliminación das bonificacións aos combustibles na pesca provocaría que a frota galega deixase de ser rendible. Así o reflicte o informe de Galicia que a titular de Mar lles entregou nas xuntanzas mantidas hoxe en Bruxelas e no que se dá conta do posible impacto no sector pesqueiro das distintas propostas da Organización Mundial de Comercio (OMC) e da Comisión Europea para eliminar ou reducir as bonificacións aos combustibles da frota.
 
Esta análise, expuxo a conselleira, ten como obxectivo contrarrestar esas propostas e mostrar o impacto que esas medidas fiscais poden ter no sector pesqueiro galego nos eidos xurídico, ambiental e económico. Dentro deste último ámbito, o informe simula tres escenarios en función da menor ou maior suba da presión fiscal.
 
En relación ao peor dos escenarios, destaca que incluso no segmento de frota que menor impacto rexistraría, que é o de artes menores, o beneficio anual, duns 15.700 euros, estaría por debaixo do salario medio bruto de Galicia, que é de preto de 22.200 euros. As frotas máis afectadas serían a de arrastre e palangre de altura e grande altura, que entrarían en perdas estruturais.
 
Este estudo, elaborado polo Grupo de Investigación en Economía Pesqueira e dos Recursos Naturais da Universidade de Santiago de Compostela dá conta ademais do peso que ten o combustible nos gastos derivados da actividade das distintas frotas, que varía entre o 20% no caso da pesca de baixura e o 44% no do arrastre, sendo a media do 30%. Segundo sinalou Rosa Quintana, unha maior presión fiscal sobre o combustible na pesca derivaría en feitos como o abandono da actividade, o seu desenvolvemento en pesqueiras máis próximas á costa ou na redución da velocidade, o que alongaría o tempo de chegada a porto e reduciría a frescura do peixe e o seu valor.
 
No ámbito xurídico, expuxo a conselleira, o informe incide, entre outros aspectos, na necesidade de que a regulación sobre a fiscalidade dos combustibles teña en conta a finalidade para que son empregados. Nesta liña, subliña que a pesca é unha actividade dirixida ao abastecemento de alimentos altamente nutritivos e cunha das máis baixas pegadas de carbono para a súa obtención. A maiores fai fincapé na importancia do level playing field e da coordinación deste tipo de normativas co fin de que non haxa solapamento entre as medidas da OMC e da UE ou doutras organizacións internacionais como a Organización Marítima Internacional (OMI). Esta análise foi realizada pola Fundación MarInnLeg.
 
En canto ao eido ambiental, o documento entregado hoxe aos representantes de distintos departamentos da Comisión Europea, recolle un estudo do Biogroup da Universidade de Santiago de Compostela. Esta parte salienta a necesidade urxente de comprender os impactos ambientais derivados de sistemas de produción pesqueiros e acuícolas para xestionalos mellor e promover un sector máis sostible. Neste sentido, recolle que o peixe ten a mellor relación entre a proteína que aporta en función da súa pegada de carbono. De feito, engadiu Rosa Quintana, unha dieta baseada en produtos do mar é fundamental para contribuír a unha alimentación saudable ao tempo que favorece a conservación do medio ambiente.
 

Defensa dos intereses de Galicia

Estas análises foron trasladas hoxe, ademais de á directora da DG MARE, a representantes das direccións xerais de Fiscalidade e Unidade Aduaneira (DG Taxud) e de Competencia (DG Competition). A estas xuntanzas súmase a mantida a pasada semana por videoconferencia entre a conselleira do Mar e o director da Dirección Xeral de Comercio da Comisión Europea (DG Trade), Ignacio García Bercero.
 
O obxectivo deste traballo, subliñou a conselleira do Mar, é advertir do posible impacto das propostas da OMC e CE para gravar máis o combustible profesional na pesca, o que poría en risco a rendibilidade e o futuro do sector pesqueiro galego. Neste sentido, expuxo, a comunidade galega busca que estas aportacións de Galicia sexan tidas en conta polas distintas institucións que participan nos debates e negociacións e sexan conscientes do impacto que as súas decisións poden ter no sector pesqueiro galego.

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data