Actualidade
Portada » Actualidade » Novas » Galicia na UE » Relacións Exteriores »
Galicia súmase á Alianza Europea de Rexións e Cidades pola reconstrución de Ucraína
— Coa adhesión á plataforma, a comunidade súmase aos esforzos de coordinación para a reconstrución de decenas de cidades e vilas que foron parcial ou totalmente destruídos pola guerra
Praga, 16 de setembro de 2022. A guerra de Ucraína foi o punto central da reunión da Mesa do Comité Europeo das Rexións (CDR) que tivo lugar en Praga hoxe e na que participou o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo. O encontro tratou o impacto da invasión dende unha perspectiva rexional, así coma o papel das cidades e rexións nos plans de reconstrución do país. Tamén se presentaron os obxectivos de Chequia, país anfitrión, para a súa presidencia do Consello da Unión Europea, actualmente en curso.
No encontro de hoxe, a Mesa do Comité debateu as prioridades e os retos que existen actualmente no traballo de reconstrución, así como os pasos que o CDR pode dar nese ámbito, especialmente coa recentemente creada Alianza Europea de Cidades e Rexións para a reconstrución de Ucraína, posta en marcha o pasado xuño, uns días despois de que Ucraína recibise o status de país candidato á UE.
Coa colaboración das principais redes de cooperación rexional europea, como a Asociación de Rexións Fronteirizas Europeas, e as principais asociacións de entes locais de Ucraína, esta Alianza facilita os contactos entre municipios e rexións de Ucraína e Europa. Na reunión de hoxe debateuse sobre as prioridades e retos que existen no traballo de reconstrución, así como os fondos que poden apoiar os proxectos e a necesidade de cartografar as necesidades sobre o terreo. O traballo desta alianza inscríbese no da Plataforma Internacional de Reconstrución de Ucraína, que se reuniu en Suíza en xullo. O CdR está preparando, ademais, un ditame sobre o papel das cidades e rexións da UE na reconstrución de Ucraína, que se aprobará no pleno de outubro do Comité.
O Comité das Rexións mostrou o seu apoio á medida anunciada pola presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, de destinar 100 millóns de euros para a reconstrución de escolas en Ucraína.
A Mesa do Comité Europeo das Rexións
O Comité Europeo das Rexións é a asemblea consultiva na que están representados os entes locais e rexionais da Unión Europea. En representación de Galicia, o membro titular é o presidente da Xunta, mentres que o cargo de membro suplente recae no director xeral de Relacións Exteriores e coa UE. A Mesa do CDR é un grupo de membros que elaboran o programa político do Comité e supervisan a súa aplicación. Este órgano reúnese antes de cada pleno para coordinar o traballo da Asemblea e as comisións. Galicia participa na Mesa en calidade de suplente do posto que corresponde a España.
Máis información: Xunta de Galicia