Actualidade
Portada » Actualidade » Novas » Unión Europea » Cohesión »Galicia sufriu unha tendencia demográfica negativa en comparación coa UE durante a última década
— Mentres que a poboación da UE aumentou lixeiramente na última década, Galicia continuou perdendo poboación
— As proxeccións indican que, na próxima década, Galicia perderá máis novos, pero envellecerá menos que a media europea
— Os habitantes de Lugo e Ourense forman parte do 7% da poboación europea que vive en territorios que perden poboación e que teñen un PIB inferior á media comunitaria
Bruxelas, 11 de xaneiro de 2022. Durante o primeiro trimestre de 2022 publicouse o 8º Informe sobre a Cohesión, no cal se presentan os principais cambios nas disparidades territoriais na última década e como as políticas afectaron a estas disparidades. En base a este informe, a Dirección Xeral de Política Rexional e Urbana da Comisión Europea (DG REGIO) publicou no seu portal de datos abertos as tendencias demográficas da Unión Europea mediante uns mapas interactivos que reflicten a realidade de cada rexión europea.
Durante a década de 2010, a poboación da UE creceu un 1,9 por 1000 habitantes ao ano, aínda que este crecemento é desigual, pois unha de cada tres persoas vive nunha rexión que perdeu poboación na última década, como é o caso das catro provincias galegas. As proxeccións indican que en 2040 a metade da poboación da UE vivirá nunha rexión en retroceso, algo máis do 50% no caso dos países do Sur como España.

Taxa de crecemento total na UE, 2010-2019. (Fonte: DG REGIO)
En Galicia, a tendencia demográfica mostra unha redución da poboación ao longo da última década próxima ao 4%. A taxa de crecemento total, resultante da taxa de crecemento natural menos a taxa de migración neta, é negativa en todas as provincias galegas. Noutras palabras, debido a que o déficit producido entre persoas nadas e falecidas é maior que o superávit entre inmigrantes e emigrantes, Galicia perde habitantes cada ano. A nivel provincial, Ourense e Lugo presentan a maior redución de poboación cun 7,78 e 6,72 por cada mil habitantes, séguelle A Coruña cun 1,30 e Pontevedra, cuxa perda de poboación é a menor, cun 0,81.
En canto a esta perda poboacional, obsérvase unha correlación co nivel de PIB rexional, tanto en canto aquelas rexións con menos PIB per cápita que a media da UE son proclives a sufrir unha redución poboacional. O 7% da poboación europea, é dicir 31 millóns de persoas, atópanse nesta situación de dobre inferioridade, entre as cales se inclúen as provincias de Ourense e Lugo.
En Galicia, a tendencia demográfica mostra unha redución da poboación ao longo da última década cercana ao 4%.
Ademais dunha taxa de crecemento natural negativo inferior á da UE, Galicia presenta unha tendencia demográfica por grupos de idade que contribúe á redución de poboación, a cal, segundo EUROSTAT, verase reducida entre un 7,5% e un 15% para 2050. Un dos indicadores máis preocupantes é a diminución da mocidade para 2029. Na Unión Europea, prevese unha redución do 5% da poboación entre 0 e 19 anos. En Galicia, as provincias de Ourense e Pontevedra serán as máis afectadas, cunha perda do 15% dos seus mozos e mozas. Segundo DG REGIO, é probable que as grandes reducións no número de mozos leven a unha redución do número de escolas, o que pode dar lugar a distancias máis longas ata a escola máis próxima, especialmente nas zonas rurais, onde as distancias xa son relativamente longas.
As proxeccións sobre o segundo grupo poboacional, as persoas de entre 20 e 64 anos ou as persoas en idade de traballar, mostran unha diminución de máis do 10% nas provincias de Lugo e Ourense para a próxima década. Esta diminución tamén a nivel europeo, cuxa taxa é do 4%, podería provocar escaseza xeneralizada de man de obra no mercado laboral, obrigando ás empresas para investir máis en tecnoloxías que aforren man de obra.
Finalmente, a poboación maior de 65 anos aumentará na maioría das rexións europeas, como Holanda, Polonia e España. En Galicia, o aumento será dun 10%, menor en comparación coa media europea dun 17,9%. As provincias galegas que rexistrarán un maior aumento son Pontevedra e A Coruña, cun 17,69% e un 12,85% respectivamente. En consecuencia, producirase unha maior demanda de asistencia sanitaria na maioría das rexións, as cales terán que adaptar as súas infraestruturas e servizos para facelos máis accesibles ás persoas con mobilidade limitada e incrementar a capacidade dos servizos sanitarios.
Contexto
Cada tres anos, a Comisión publica un informe sobre a cohesión económica, social e territorial na UE, no que se detallan os avances nestes ámbitos e o papel da UE como motor do desenvolvemento rexional. O informe analiza a evolución da cohesión na UE baseándose nunha ampla gama de indicadores, como a prosperidade, o emprego, os niveis de educación, a accesibilidade, a gobernanza e a situación das rexións en relación coa transición ecolóxica e dixital.
O 8º Informe sobre a Cohesión destaca o potencial das transicións ecolóxica e dixital como novos motores do crecemento da UE e expón unha reflexión sobre como debe evolucionar a política de cohesión para responder aos novos cambios sociais e económicos.
Máis información: Comisión Europea
