Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Galicia na UE » Medioambiente e clima » Galicia solicita no Comité Europeo das Rexións que se revise e mellore a aplicación e o funcionamento da Política Pesqueira Común

Galicia solicita no Comité Europeo das Rexións que se revise e mellore a aplicación e o funcionamento da Política Pesqueira Común

23/11/2022 |

— O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, representou a Galicia na reunión da comisión de Recursos Naturais (NAT) do Comité Europeo das Rexións onde se debateron as prioridades políticas para o ano 2023.

— Jesús Gamallo interveu na reunión para pedir a inclusión da política pesqueira común como unha das prioridades de traballo desta comisión en 2023, informando do impacto negativo que está a ter para Galicia a prohibición da pesca de fondo en 87 zonas das augas atlánticas.

— No encontro tamén se presentou un informe sobre o desenvolvemento da estratexia sobre bioeconomía nas rexións europeas na que Galicia aparece como unha das rexións destacadas nos traballos realizados neste eido.

Bruxelas, 22 de novembro de 2022. O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou en Bruxelas na reunión da comisión de Recursos Naturais (NAT) do Comité Europeo das Rexións (CdR) na que se abordou o programa de traballo da comisión NAT para 2023. Conforme ao recollido nas prioridades políticas do actual mandato do CdR 2020-2025 e o programa de traballo da Comisión Europea para 2023, NAT terá como máxima prioridade para o ano que vén traballar para que as rexións e municipios europeos estean mellor preparados para afrontar as diferentes crises, sexan da índole que sexan,  mediante un enfoque europeo coherente, integrado e local.

Neste debate, Galicia solicitou a inclusión da pesca e os asuntos marítimos no programa de traballo de NAT en vista de que a Comisión Europea debe presentar, antes de finais de ano, un informe ao Parlamento Europeo e ao Consello sobre o funcionamento da actual política pesqueira común e sobre como debería reforzarse a súa aplicación nos Estados membros. A Xunta de Galicia conta cunha posición consensuada co sector neste debate polo que propón agora que o CdR reaccione ao futuro informe da Comisión Europea elaborando un ditame de opinión.

Gamallo avogou por unha PPC que proporcione beneficios sociais e ambientais reais e tanxibles tanto para as comunidades pesqueiras como para a biodiversidade co obxectivo de que repercuta no emprego e na economía das zonas costeiras

Jesús Gamallo advertiu da necesidade de revisar a Política Pesqueira Común (PPC), atendendo ao regulamento de execución da Comisión Europea, adoptado en setembro, que introduce a prohibición da pesca de fondo en 87 zonas das augas atlánticas da UE e que afecta negativamente ao sector pesqueiro galego.  “Esta normativa está a ser moi criticada por non ter en conta os datos científicos máis precisos e recentes”, salientou o director xeral, quen cualificou este regulamento como “un dos signos do mal funcionamento da PPC”. Gamallo avogou tamén por unha PPC que proporcione beneficios sociais e ambientais reais e tanxibles tanto para as comunidades pesqueiras como para a biodiversidade co obxectivo de que repercuta no emprego e na economía das zonas costeira.

Informe sobre bioeconomía

Neste encontro NAT tamén se presentou o Informe sobre o desenvolvemento da estratexia sobre bioeconomía nas rexións da UE, no que Galicia aparece como unha das rexións da xeografía europea que maior porcentaxe de recursos de biomasa acuática (pescado, acuicultura e algas) aborda nas súas estratexias rexionais no marco da bioeconomía, entre as que se cita a Estratexia Galega de Economía Circular 19-30, o Plan Forestal de Galicia, a Estratexia Galega de Acuicultura e a Estratexia da biomasa.

No encontro tamén se presentou a Rede Europea de Biorrexións, na que participan o Centro de Investigacións Forestais e Ambientais de Lourizán (CIF) e a Empresa de Transformación Agraria (Grupo TRAGSA). Esta rede agrupa a diferentes organismos do ámbito da investigación e organizacións profesionis que buscan participar activamente na cooperación científica e no intercambio de ideas neste ámbito.

Galicia na comisión NAT do Comité Europeo das Rexións

Neste sétimo mandato do CdR que deu comezo a principios de 2020, Galicia participa na comisión de Recursos Naturais (NAT) e na comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX). NAT prepara os ditames de opinión dos municipios e rexións europeas en áreas como a Política Agrícola Común, a pesca, o turismo ou a saúde pública.

O Comité Europeo das Rexións é a asemblea consultiva na que están representados os entes locais e rexionais da Unión Europea. En representación da Comunidade Autónoma de Galicia, o membro titular é o propio presidente da Xunta de Galicia, mentres que o cargo de membro suplente recae no director xeral de Relacións Exteriores e coa UE.

Máis información: Xunta de Galicia

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data