Actualidade
Portada » Actualidade » Novas » Galicia na UE » Asuntos Marítimos »Galicia será a comunidade relatora da resposta do Comité Europeo das Rexións ás medidas sobre o futuro da pesca anunciadas pola Comisión Europea
— O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, será o relator do ditame sobre a sustentabilidade e resiliencia das comunidades costeiras da Unión Europea
Bruxelas, 30 de marzo de 2023. O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, participou hoxe no encontro da comisión de Recursos Naturais (NAT) do Comité Europeo das Rexións (CdR). Nesta xuntanza nomeouse, de xeito unánime, a Galicia como a rexión relatora do ditame A Política Pesqueira Común sobre o terreo: cara a unhas comunidades costeiras sostibles e resilientes na UE.
A designación de Galicia como relatora deste ditame reforza a posición de liderado que ten a comunidade galega en materia pesqueira no eido comunitario. Jesús Gamallo sinalou que, tralas medidas anunciadas pola Comisión Europea os pasados meses, é unha grande noticia que se vaia ter en conta a voz das rexións e municipios máis afectados. Para Galicia, ademais, é “unha grande ocasión para aportar o noso coñecemento e un recoñecemento do noso traballo para defender a nosa industria marítimo-pesqueira”.
“Asumimos este traballo con responsabilidade e desenvolverémolo en contacto co sector. O noso obxectivo é que a posición das rexións europeas sobre o futuro da Política Pesqueira teña en conta a sustentabilidade, así como a dimensión social e económica dun sector vital para nós”, declarou o director xeral.
“É un recoñecemento do noso traballo para defender a nosa industria marítimo-pesqueira”
A elaboración do ditame é a resposta do CdR a un conglomerado de normas que arranca co veto da Comisión Europea á pesca de fondo en 87 espazos do Atlántico nordés. As primeiras medidas, que entraron en vigor en outubro do 2022, foron aumentadas en febreiro, cando a Comisión instou aos Estados membros a prohibir a pesca de arrastre nun 20% das súas augas para marzo do 2024.
A Xunta de Galicia acaba de presentar a demanda de intervención da comunidade como parte coadxuvante no recurso contra a decisión presentado pola Organización de Produtores Pesqueiros de Burela. Ademais, o Parlamento de Galicia rexeitou por unanimidade o veto en setembro de 2022, cando foi presentado.
Galicia na comisión NAT do Comité Europeo das Rexións
Neste sétimo mandato do CdR que deu comezo a principios de 2020, Galicia participa na comisión de Recursos Naturais (NAT) e na comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX). NAT prepara os ditames de opinión dos municipios e rexións europeas en áreas como a Política Agrícola Común, a pesca, o turismo ou a saúde pública.
Máis información: Xunta de Galicia