Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Galicia na UE » Inmigración e Xustiza » Galicia salienta a importancia da cooperación público-privada para lograr unha mellor integración local dos refuxiados

Galicia salienta a importancia da cooperación público-privada para lograr unha mellor integración local dos refuxiados

19/04/2023 |

— O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou nunha nova reunión da Comisión de Cidadanía, Gobernanza, Asuntos Institucionais (CIVEX) do CdR.

— A reunión tivo como temas centrais o impacto migratorio da guerra en Ucraína, a loita contra a desinformación e as conclusións da Conferencia sobre o Futuro de Europa.

Bruxelas, 18 de abril de 2023. O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou na 17ª reunión da Comisión de Cidadanía, Gobernanza, Asuntos Institucionais (CIVEX) do Comité Europeo das Rexións (CdR). A recepción e integración dos refuxiados ucraínos en Europa, as conclusións da Conferencia sobre o Futuro de Europa (COFE), e a como loita contra a desinformación foron os principais temas a tratar na xuntanza.

No marco do próximo informe sobre o estado das rexións e cidades, que se centrará no impacto migratorio da guerra en Ucraína, a reunión CIVEX abordou as conclusións dunha enquisa realizada polo CdR e a OCDE no segundo semestre de 2022 sobre a acción dos gobernos subnacionais para abordar as necesidades dos refuxiados ucraínos. Neste sentido, Gamallo referiuse á cooperación público-privada como “necesaria para lograr así unha mellor inclusión local dos refuxiados” e destacou a boa acollida que en Galicia tiveron arredor de 2.500 refuxiados ucraínos que chegaron desde que comezou a guerra. Do mesmo xeito, lembrou o labor do Programa de Protección Internacional en Galicia e os itinerarios para refuxiados que se instrumentan a través de subvencións a ONG e concellos.

Jesús Gamallo destacou a boa acollida que en Galicia tiveron arredor de 2.500 refuxiados ucraínos que chegaron desde que comezou a guerra

O papel dos entes locais e rexionais na loita contra a manipulación informativa tamén centrou boa parte da reunión. No debate abordouse a necesidade de formar os representantes locais e rexionais na loita contra esta desinformación e a de incluír a perspectiva rexional nas estratexias da UE. Ademais, recordouse o labor dos representantes locais e rexionais na concienciación da poboación respecto ás campañas de desestabilización por parte de axentes estranxeiros.

Na reunión tamén se debateron as novas vías da democracia europea e as conclusións da Conferencia sobre o Futuro de Europa de cara ás próximas eleccións europeas de 2024. O debate pretende reforzar a participación e cooperación no CdR para reflectir as principais conclusións do COFE nas súas actividades lexislativas e políticas.

A Comisión CIVEX do Comité das Rexións 

O Comité Europeo das Rexións representa os entes locais e rexionais da Unión Europea,  e asesora sobre aquelas políticas e lexislacións que teñen un impacto directo sobre eles. Galicia conta cun membro titular e un suplente nesta asemblea política composta por 329 membros e os seus respectivos suplentes. 

No actual mandato 2020- 2025, Galicia participa na Comisión de Recursos Naturais (NAT) e na Comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX). Esta última elabora ditames en materia de seguridade, liberdade, xustiza, política migratoria e cidadanía, polo que nestes momentos contribúe de maneira fundamental a un dos obxectivos políticos prioritarios da UE: reforzar a democracia europea.

Máis información: Xunta de Galicia

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data