Actualidade
Portada » Actualidade » Novas »
Galicia representa ás CCAA ante a Unión Europea para solicitar políticas de emprego que garantan o acceso ao mercado laboral dos traballadores de maior idade
— Galicia coordina desde o pasado 1 de febreiro, e durante un semestre, os intereses das comunidades autónomas españolas ante o Consello da UE en materia de emprego, asuntos sociais, sanidade e consumidores
— A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, defendeu a posición común das rexións españolas para que as políticas de emprego atendan á demografía dunha UE cada vez máis envellecida e con menos persoas en idade de traballar
— Lembra tamén que os cambios dixitais e tecnolóxicos acelerados pola crise da covid-19 fan máis urxente a actualización continua de coñecementos, incorporando ademais a perspectiva de xénero
Bruxelas, 14 de marzo de 2021.- A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, trasladou hoxe a postura común de todas as comunidades autónomas españolas ante a Unión Europea para que “priorice e fomente” a aprendizaxe e capacitación de todos os colectivos, con especial incidencia nas persoas traballadoras maiores de 50 anos, para garantir a súa integración no mercado de traballo en condicións de equidade; e para que conciencie ás empresas “sobre o valor da diversidade e experiencia” que poden aportar os profesionais senior.
Intervención da conselleira de Emprego e Igualdade no Consello da UE
Galicia coordina desde o pasado 1 de febreiro, e durante un semestre, os intereses das comunidades españolas ante o Consello da UE en materia de emprego, asuntos sociais e igualdade. Neste rol, Lorenzana participou hoxe en Bruxelas nun debate no seo do mesmo acerca da participación das persoas de maior idade no mercado de traballo.
“Todas as políticas públicas no ámbito do emprego deben ter en conta e integrar a dinámica demográfica tanto actual como futura”, especificou Lorenzana, quen engadiu que cómpre ademais, neste marco, “loitar contra os estereotipos negativos asociados coas persoas maiores e reflectir a heteroxeneidade que as caracteriza”.
A posición común, defendida pola conselleira galega, ten en conta que Europa está a experimentar un cambio sustentado na súa estrutura de poboación cunha acusada transición cara a un maior envellecemento.
Segundo datos do 8º informe de cohesión da Comisión Europea, estímase que nunha de cada cinco rexións europeas na próxima década se incrementará en máis dun 25% o número de persoas por enriba dos 65 anos. Pola contra, a poboación en idade de traballar diminuirá en máis dun 10% nunha de cada catro rexións. “As rexións españolas acusarán inda máis, polo xeral, esta tendencia de envellecemento”, remarcou Lorenzana.
As transicións dixital e ecolóxica e as perturbacións inducidas pola covid-19 veñen de provocar, por outra banda, cambios significativos no mercado laboral que, tal e como relatou a representante da Xunta de Galicia, “requiren ofrecer respostas convincentes no ámbito laboral para avanzar no logro do benestar, a inclusión, a igualdade e a prosperidade económica”.
As comunidades españolas defenden actuacións públicas eficaces para “garantir a participación e integración das persoas maiores no mercado laboral en condicións de equidade”. Para que así sexa, demandan que Europa “priorice e fomente o acceso ás oportunidades de aprendizaxe permanente das persoas maiores” e se traballe, da man do tecido empresarial e dos interlocutores sociais, en “axustar a capacitación das persoas maiores empregadas ou demandantes de emprego ás necesidades reais das empresas”.
Lorenzana trasladou ademais o desexo das rexións españolas de concienciar acerca do valor da diversidade e da experiencia dos profesionais senior; da integración da perspectiva de xénero en todas as actuacións-as mulleres maiores teñen maiores dificultades no acceso ao emprego-; e a execución de prácticas de promoción da saúde nos lugares de traballo para unha poboación activa en proceso de envellecemento.
“Non se pode perder de vista a actualización de coñecementos, a formación continua e a reciclaxe de competencias das persoas maiores, xa que resultan fundamentais para xestionar a adaptación aos rápidos e fondos cambios que se están a producir no mundo do traballo, capacitándoas para xestionar con éxito a súa transición ao mercado laboral”, rematou Lorenzana.
