- O
director xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta de Galicia, Jesús
Gamallo, acudiu á cerimonia oficial en Bruxelas, en tanto que relator sobre
a materia no Comité Europeo das Rexións
- A
firma solemne contou coa presenza dos presidentes do Parlamento e a
Comisión Europea, así como da alta representante para Asuntos Exteriores e
Política de Seguridade, no marco das Xornadas Europeas do Desenvolvemento
- O
consenso pretende afrontar os retos mundiais actuais e supón a resposta da
UE á Axenda 2030 da ONU para o desenvolvemento sustentable
Bruxelas, 7 de
xuño de 2017. A Unión Europea adoptou hoxe o novo Consenso
Europeo sobre Desenvolvemento, durante o transcurso das Xornadas Europeas do Desenvolvemento,
que se están a celebrar en Bruxelas. A declaración conxunta das tres principais
institucións comunitarias -Parlamento, Consello e Comisión- establece un novo
marco para a cooperación ao desenvolvemento destinado á UE e aos seus Estados
membros, despois de que o Consello o aprobase o 19 de maio.
O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta
de Galicia, Jesús Gamallo, participou na cerimonia de firma solemne da
declaración hoxe, xunto coa raíña de Bélxica Matilde, o presidente do
Parlamento Europeo, Antonio Tajani, o primeiro ministro de Malta en nome do
Consello, Joseph Muscat, o presidente da Comisión Europea, Jean Claude Juncker,
e alta representante para Asuntos Exteriores e de Seguridade, Federica
Mogherini. Gamallo acudiu a este acto en calidade de relator do ditame do
Comité Europeo das Rexións (CdR) acerca do novo Consenso Europeo sobre
Desenvolvemento, que foi aprobado no pleno do CdR en febreiro. Tras a firma
oficial en Bruxelas, o novo consenso pasa a substituír ao vixente ata agora,
que databa de 2006.
Un novo
consenso europeo para o desenvolvemento
O novo Consenso Europeo sobre Desenvolvemento é a resposta
da UE á Axenda 2030 da ONU para o Desenvolvemento Sustentable, para o que
establece os principios máis importantes que orientarán a actuación da UE e os
Estados membros en materia de cooperación con todos os países en vías de
desenvolvemento durante os próximos 15 anos, así como unha estratexia para
alcanzar os obxectivos de desenvolvemento sustentable. O consenso recomenda
unha maior coordinación e coherencia entre a UE e os seus Estados membros. A
fin de lograr resultados máis eficaces e ter maior repercusión, no traballo cos
países asociados propón a plena participación da sociedade civil e doutros
interlocutores. O Consenso recolle ademais as aportacións do ditame de Jesús
Gamallo, no sentido de implicar ás autoridades locais e rexionais no
cumprimento dos obxectivos da política de desenvolvemento definidos por Nacións
Unidas
O consenso pretende dar resposta aos retos mundiais
actuais, que teñen consecuencias demográficas, económicas, sociais e
ambientais. Un elemento central nesta formulación é reforzar a resiliencia dos
Estados, as sociedades e as persoas. Para iso trata de facer realidade o
desenvolvemento sustentable e de acelerar a transformación facendo fincapé en
elementos transversais da política de desenvolvemento, como a igualdade de
xénero, a mocidade, o comercio, o investimento ou a enerxía sustentable. A
importancia do consenso radica no papel crucial da UE no ámbito da cooperación
para o desenvolvemento. A UE sigue sendo o maior doante de axuda para o
desenvolvemento, fornecendo máis da metade da axuda mundial. O obxectivo xeral
é a erradicación da pobreza, mediante o fomento da boa gobernanza, e o
desenvolvemento económico e humano, facendo fronte a problemas universais como
a fame e a conservación dos recursos naturais do planeta.
A iniciativa
galega no CdR
O texto de Galicia sobre cooperación aprobado en febreiro
no CdR incide na relevancia do papel que poden desempeñar os gobernos locais e
rexionais no logro dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS), debido á
súa proximidade cos problemas reais. Isto resultaría especialmente útil tanto na
loita contra a desigualdade como na protección dos recursos naturais. Doutra
banda, a proposta galega pide potenciar a coordinación e a coherencia entre a
política de desenvolvemento e outras políticas comunitarias, como a axuda
humanitaria ou a agricultura.
Este novo consenso recoñece a idea recollida polo ditame da
nosa comunidade de que é imprescindible a construción dunha Alianza Global
multinivel que acolla non só a países, senón a institucións internacionais e
locais, e actores sociais que traballen en redes de cooperación
descentralizada, co obxectivo de poder levar a cabo os cambios en países en
desenvolvemento. Esta Alianza axudaría a unha maior mobilización de recursos
que a conseguida desde a aprobación do último consenso fai once anos.
Neste contexto, Gamallo participará o próximo 10 de xullo
en Bruxelas nunha xornada de máximo nivel sobre cooperación descentralizada
organizada polo CdR, que contará coa presenza do comisario para
desenvolvemento, Neven Nimica, así como do presidente do CdR, Markku Markkula.