Actualidade

Portada » Actualidade » Galicia reclama no Comité das Rexións máis apoio e flexibilidade para garantir unha transición xusta en todos os territorios

Galicia reclama no Comité das Rexións máis apoio e flexibilidade para garantir unha transición xusta en todos os territorios

09/10/2024 | , ,

— O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE participou no pleno nº162 do Comité Europeo das Rexións (CdR), no que se aprobou un ditame para asegurar que ningunha rexión se quede atrás no camiño cara unha economía sostible 

— Na sesión, celebrada no marco da Semana Europea das Rexións e Cidades, tamén se aprobaron ditames de opinión sobre turismo sostible, intelixencia artificial, ou migración e asilo dende a perspectiva local e rexional

Bruxelas, 9 de outubro de 2024. O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, participou na sesión plenaria número 162 do Comité Europeo das Rexións (CdR), enmarcado na edición deste ano da Semana Europea das Rexións e das Cidades (#EURegionsWeek). De especial interese para Galicia foi a aprobación do ditame titulado “Unha transición xusta para todas as rexións da UE”, no que se reivindica un enfoque inclusivo e equitativo neste proceso cara unha economía sostible para que ningún territorio quede atrás.

O documento subliña a necesidade de apoio específico para as rexións máis dependentes dos sectores afectados pola transición xusta. Isto pasa pola creación de mecanismos de financiamento e asistencia técnica que axuden a diversificar as súas economías, a fomentar a creación de emprego en ámbitos sostibles e á reconversión dos profesionais actuais. Galicia contribuíu á redacción deste ditame na fase de consulta previa chamando a atención sobre as necesidades particulares das rexións cun forte peso da industria automobilística.

De entre os 11 ditames aprobados, destaca tamén o referido á “Promoción do turismo de raíces para unha revitalización local sostible”, que contou con catro emendas presentadas pola Axencia Galega de Turismo. O texto defende un modelo turístico centrado nas conexións culturais e históricas que sirva para fortalecer a identidade local e fomentar o desenvolvemento económico, creando oportunidades para as pequenas empresas locais a través do consumo de produtos e servizos autóctonos. No documento, destácase o Camiño de Santiago como exemplo de destino sostible, que nace en diferentes puntos de toda Europa, construíndo unha rede de persoas, encontros e experiencias nas que se comparten diferentes identidades, principios e valores.

Galicia contribuíu á redacción dun ditame sobre transición xusta e presentou catro emendas a outro sobre turismo sostible, no que se pon o Camiño de Santiago como exemplo

Por outra banda, presentouse un ditame titulado “Plan de execución común do Pacto sobre Migración e Asilo: perspectiva local e rexional”, un asunto no que Galicia defende facilitar o acceso dos migrantes ao mercado laboral regulando a súa situación. Sobre o ditame “Intelixencia artificial ética e acceso á supercomputación para as empresas emerxentes”, a delegación galega lembrou que Galicia será a primeira rexión de Europa en contar cunha lei propia neste ámbito.

De igual importancia para a nosa comunidade foron os ditames referidos ao “Plan de Acción Europeo sobre a Enerxía Eólica”, que destaca a necesidade de acelerar a transición cara as enerxías renovables –especialmente, a eólica– e ao “Cambio demográfico en Europa: conxunto de instrumentos de actuación”, que tamén contou con contribucións de Galicia.

No Informe Anual da UE sobre o Estado das Rexións e das Cidades, tamén aprobado neste pleno, destácase Galicia como Rexión Emprendedora Europea 2025

Á marxe dos ditames, a sesión plenaria acolleu un debate coa presidenta do Banco Europeo de Investimentos (BEI), Nadia Calviño, e outro conmemorativo dos vinte anos dende a ampliación da UE de 2004. Ademais, aprobouse a resolución relativa ao 5º Informe Anual da UE sobre o Estado das Rexións e das Cidades, que achega unha perspectiva local e rexional sobre os retos actuais, como as transicións verde e dixital, e sobre os desafíos futuros, como a posible ampliación. No documento, destácase o compromiso exemplar de Galicia en canto a innovación e emprendemento no ámbito rural, o que levou á nosa comunidade a recibir o premio de Rexión Emprendedora Europea 2025.

Galicia no Comité Europeo das Rexións

O Comité Europeo das Rexións (CdR) é a asemblea consultiva na que están representados os entes locais e rexionais da Unión Europea. A sesión plenaria do CdR reúnese seis veces ao ano. En representación da Comunidade Autónoma de Galicia, o membro titular é o propio presidente da Xunta de Galicia, mentres que o cargo de membro suplente recae no director xeral de Relacións Exteriores e coa UE.

Créditos | Autor/a

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data