• O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, representou a Galicia durante o 143º pleno do Comité das Rexións
  • A xestión da pandemia, a recuperación económica e o novo fondo de adaptación ao Brexit foron os temas centrais deste pleno no que interviñeron catro comisarios europeos e o propio presidente do Consello Europeo

Bruxelas, 18 de marzo de 2021. O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, representou a Galicia no 143º pleno do Comité Europeo das Rexións (CdR). Entre os oito ditames de opinión aprobados, destacan de interese para Galicia o Novo enfoque para a Estratexia Marítima Atlántica -Plan de Acción Atlántico 2.0- e o regulamento relativo á Reserva de Adaptación ao Brexit.
Sobre este regulamento, Galicia presentou varias emendas co obxectivo de que se establezan novos criterios de reparto que dean cobertura aos prexuízos directos e indirectos ocasionados en materia de pesca tras a saída do Reino Unido. Nesta liña, Galicia propuxo que as rexións afectadas polo Brexit poidan dispoñer dunha porcentaxe dos fondos do BAR unha vez sexan aprobados os criterios de repartición, a fin de evitar que as administracións teñan que adiantar este financiamento nun momento no que están a destinar os recursos a paliar o impacto da crise da covid-19.
O ditame sobre a Estratexia Marítima Atlántica contribúe a reforzar o papel das rexións atlánticas, especialmente no contexto actual de crise derivada da pandemia e da saída do Reino Unido da Unión Europea, e impulsar a cooperación no ámbito da economía azul.
Ao longo dos tres días de pleno, celebráronse varios debates entre os que destaca o organizado o mércores co propio presidente do Consello Europeo, Charles Michel, para abordar o papel das rexións e cidades na pandemia e na recuperación económica e o do xoves, coa comisaria de Enerxía, Kadri Simson. A renovación dos edificios e barrios para mellorar a eficiencia enerxética e reducir as emisións de gases contaminantes foi o tema central deste debate pois é unha das máximas prioridades da UE. A esta chamada onda de renovación irán destinados unha boa parte dos fondos de recuperación.
O Comité Europeo das Rexións
O CdR é a asemblea consultiva da Unión Europea na que están representados os entes locais e rexionais da UE. En representación da Comunidade Autónoma de Galicia, o membro titular é o propio presidente da Xunta de Galicia, mentres que o cargo de membro suplente recae no director xeral de Relacións Exteriores e coa UE. Esta é a última das cinco sesións plenarias que o CdR celebra cada ano para emitir ditames de opinión sobre as políticas comunitarias. A Fundación Galicia Europa presta apoio á participación galega neste órgano da UE.