Actualidade
Portada » Actualidade » Novas » Unión Europea » Cohesión »
Galicia recibirá 3.150 millóns de euros da política de cohesión 21-27
- O Ministerio de Facenda comunicou a distribución rexional total de 34.693 millóns de euros asignados a España entre as comunidades autónomas e dos 868,7 millóns do Fondo de Transición Xusta, que beneficia a oito provincias
- A Galicia corresponderán un total de 3.150 millóns de euros da política de cohesión, e 111 millóns do Fondo de Transición Xusta
- O criterio de reparto utilizado responde ás demandas efectuadas por Galicia nos últimos anos
Bruxelas, 26 de outubro de 2021. España recibirá un total de 36.245 millóns procedentes da política de cohesión 2021-2027 segundo o reparto feito no Consello Europeo de xullo de 2020 no que se aprobou o Marco Financeiro Plurianual 21-27.
Trala publicación definitiva dos regulamentos o pasado mes de xullo, o Ministerio de Facenda e Función Pública vén de comunicar a distribución de 34.693 millóns de euros asignados a España para o Obxectivo de Crecemento e Emprego do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e o Fondo Social Europeo (FSE+). Esta cantidade que supón un incremento do 13,2% en relación co período anterior.
Criterios de distribución dos fondos
A política de cohesión parte da clasificación das rexións da UE en tres categorías ás que aplica distinta intensidade de axuda en función do nivel de desenvolvemento. Así, considera rexións menos desenvolvidas aquelas que contan cun PIB per cápita inferior ao 75% do PIB medio da UE; rexións en transición as que contan cun PIB entre o 75% e o 100% do PIB medio da UE; e rexións máis desenvolvidas, aquelas cuxo PIB supera o 100% da media da UE. Estes criterios aplicados ás rexións españolas levan á seguinte clasificación:
- Rexións menos desenvolvidas: Andalucía, Castela A Mancha, Estremadura, Ceuta e Melilla.
- Rexións en transición: Asturias, Baleares, Canarias, Cantabria, Castela e León, Comunidade Valenciana, Galicia, Rexión de Murcia e A Rioxa.
- Rexións máis desenvolvidas: Aragón, Cataluña, Navarra, Comunidad de Madrid e País Vasco.
Para o período 21-27 o importe total asignado pola Comisión para as rexións menos desenvolvidas ascende a 18.100 millóns de euros; para as rexións en transición 12.195 millóns; e para as rexións máis desenvolvidas 4.398 millóns. Estas cifras supoñen un incremento medio de fondos do 22,3% para o conxunto das rexións menos desenvolvidas, un aumento do 8,1% para as rexións transición; e unha redución do 6,4% para as rexións máis desenvolvidas, respecto aos importes do 14-20.
A distribución dos fondos para o período 21-27 realizouse partindo das dotacións de cada rexión no MFP 14-20 e aplicando, sobre a devandita cifra, a ganancia ou perda que resulta de acordo cos datos facilitados pola Comisión ao grupo no que se clasifica cada CCAA. Mantéñense así distintas intensidades de axuda en función do nivel de desenvolvemento e un tratamento homoxéneo dentro de cada categoría.
O reparto en Galicia
Neste novo período, Galicia atópase, por primeira vez, na categoría de “rexións en transición” ao estar o seu PIB per capita entre o 75 e o 100% da media comunitaria. Como tal, deberá concentrar un 40% dos recursos de FEDER na prioridade 1 “Europa máis intelixente, a través da innovación, a dixitalización, a transformación económica e o apoio ás pequenas e medianas empresas” e un 30% no obxectivo 2 “Unha Europa máis verde e sen carbono que aplique o Acordo de París e invista en transición enerxética, enerxías renovables e loita contra o cambio climático”.
Para o reparto dos fondos da política rexional, Galicia vén reclamando dende 2018 unha atención particular para as rexións que, como ela, descenden de categoría e, malia isto, recibirían menos fondos en caso de que, no reparto dentro do Estado, este aplicase o método de asignación previsto no Regulamento de Disposicións Comúns que determina os importes asignados a cada Estado por categoría de rexións. Se o Estado tivese aplicado este método, como fixera en períodos anteriores, a rexión galega tería perdido preto dun 40% dos fondos en comparación co período anterior a pesar de descender de categoría de rexión.
Grazas ao apoio conseguido no Parlamento Europeo e no Comité Europeo das Rexións, o regulamento final inclúe un considerando (65a) que invita aos Estados a ter en conta a situación especial das rexións que descenden de “máis desenvolvida” a “transición” e, aplicando os criterios de reparto do regulamento, recibirían menos apoio no período 21-27 có no 14-20 no reparto interno dos fondos (so 8 en toda UE).
Finalmente, o goberno central decidiu que o criterio de reparto interno fose o de ganancia/perda por categoría de rexión en comparación co período anterior, en liña cos argumentos defendidos por Galicia. Deste xeito, a Galicia corresponderalle un total de 3.150 millóns de euros, o que aumenta nun 8,1% a súa dotación con respecto ao período anterior.
Cronoloxía actuacións FGE nas negociacións da política rexional 21-27
Distribución e execución
A execución destes fondos en cada CCAA xestionarase, ben directamente por cada territorio ou ben pola Administración Xeral do Estado, a través de programas plurirrexionais. Na definición de ambos os tramos, rexional e plurirrexional, aplicouse o mesmo criterio que para a rexionalización dos fondos, aplicando a ganancia/perda por categoría de rexión aos importes asignados en ambos os tramos no período anterior.
Para poder executar os novos fondos, o Estado está a negociar coa Comisión Europea o chamado Acordo de Asociación, no que se recollen as liñas xerais de inversión de FEDER e FSE. Unha vez aprobado este acordo, será cando se poidan negociar os programas operativos de ambos fondos. No período 14-20, España contaba con 19 programas operativos rexionais de FEDER e dous plurirexionais (POPE e Iniciativa PEME), e con 19 programas operativos rexionais de FSE e catro plurirrexionais (Empleo, Formación e Educación; Inclusión social e Economía Social; Emprego Xuvenil e Asistencia Técnica).
Ademais, informouse ás CCAA das asignacións do Fondo de Transición Xusta (FTX) para o próximo período e, no caso de España, inclúense oito provincias como punto de partida para a aplicación do FTX de acordo co Anexo D do Informe País de 2020 no marco do Semestre Europeo: A Coruña, Asturias, León, Palencia, Teruel, Almería, Córdoba e Cádiz, entre as que se repartirán 868,7 millóns de euros. A distribución dos recursos deste fondo realizouse polo Instituto para a Transición Xusta tomando en consideración o volume de emisións, emprego en minería e peso do emprego industrial. Da aplicación destes criterios resulta unha dotación de 154 millóns de euros para Andalucía, 263 millóns para Asturias, 197 millóns para Castela e León, 111 millóns para Galicia e 92 millóns para Aragón. Os 52 millóns de euros restantes serán para a xestión directa do Instituto para a Transición Xusta. En todo caso, para acceder a este financiamento, será preciso que o goberno central presente á Comisión o seu Plan Territorial de Transición Xusta.
Máis información: A Moncloa
