Actualidade
Portada » Actualidade »Galicia presenta en Finlandia o seu modelo para o desenvolvemento da intelixencia artificial
— O director da AMTEGA participou nun encontro impulsado polo Comité Europeo das Rexións, a raíz de dous seminarios organizados pola FGE sobre este asunto
— Galicia expuxo a súa posición sobre a IA nun momento en que o CdR está definindo a súa opinión sobre o papel das autoridades rexionais e locais ante os retos e oportunidades desta nova realidade
Tampere (Finlandia), 25 de outubro de 2024. A Xunta de Galicia presentou o seu modelo para o desenvolvemento da intelixencia artificial nunha conferencia internacional organizada polo Comité Europeo das Rexións e a municipalidade da cidade finlandesa de Tampere. O director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Julián Cerviño, interveu no marco da Conferencia sobre a transformación dixital como axente de cambio para cidadáns, empresas e a economía local e rexional.
A conferencia coincidiu coa celebración da XXIV reunión da Comisión de Política Económica (ECON) do Comité das Rexións, na que, entre outras, se discutiu a postura deste organismo sobre os Retos e Oportunidades da Intelixencia Artificial no Sector Público: definición do papel das autoridades locais e rexionais.
Tras ofrecer unha visión sobre o proceso de transformación tecnolóxica en Galicia a partir de tres axendas dixitais, Julián Cerviño fixo un repaso aos principais contidos da proposta para a Lei para o Desenvolvemento e Impulso de Intelixencia Artificial que será aprobada proximamente pola Xunta e enviada ao Parlamento para a súa discusión. Trátase da primeira lei deste tipo que se adopta nunha rexión europea, aliñada co Regulamento europeo de IA e que será tomada como referencia por outras administracións rexionais.
A Lei sobre IA da Xunta de Galicia será a primeira en aprobarse nunha rexión europea
O representante da Xunta explicou que a nova lei establecerá o marco para o deseño, adquisición, implantación e uso da IA na Administración pública; regulará o réxime para o uso da IA no sector público e promoverá o desenvolvemento da IA no ecosistema I+D de Galicia e nos sectores económicos.
Julián Cerviño explicou que a lei permitira a adopción de medidas económicas e fiscais, como incentivos para empresas de IA, axuda económica para o seu uso en proxectos de sectores estratéxicos ou a promoción do emprendemento. Destacou, así mesmo, a importancia do novo texto legal para o desenvolvemento do coñecemento e habilidades, a través de actividades formativas para persoal empregado público e do sector produtivo; programas dirixidos a universidades e profesionais ou de sensibilización da cidadanía sobre os riscos da IA. Por último, destacou o papel desta lei na investigación, desenvolvemento e innovación, e citou a promoción da investigación sobre IA e espazos de datos seguros; as actividades vinculadas ao Centro de Supercomputación de Galicia ou as estratexias de colaboración e intercambio en ecosistemas Govtech para a innovación no sector público.
Contexto
O Comité Europeo das Rexións (CdR) é a asemblea consultiva na que están representados os entes locais e rexionais da Unión Europea. A sesión plenaria do CdR reúnese seis veces ao ano. Galicia participa na Comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX) e na Comisión de Recursos Naturais (NAT). É neste marco no que a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) foi convidada a participar neste encontro internacional, logo de que a Fundación Galicia Europa (FGE) organizase o ano pasado dous seminarios sobre intelixencia artificial.
Fonte: A Xunta presenta en Finlandia o seu modelo para o desenvolvemento da intelixencia artificial (AMTEGA)
Créditos | Autor/a