Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Galicia na UE » Axenda Dixital » Galicia presenta en Bruxelas os avances no goberno intelixente da man da Fundación Galicia Europa

Galicia presenta en Bruxelas os avances no goberno intelixente da man da Fundación Galicia Europa

23/06/2022 |


Galicia vén de entrar no consorcio Govtech4all con 22 axencias gobernamentais e empresas de 15 Estados comunitarios para fortalecer o mercado único para os novos modelos de innovación ao servizo das Administracións.

— A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia participa nun encontro de alto nivel da Comisión Europea sobre a Intelixencia Artificial para o sector público.

— A representación da Xunta reuniuse con responsables da Dirección Xeral de Redes de Comunicacións, Contido e Tecnoloxía da Comisión Europea.

Bruxelas, 23 de xuño de 2022 – Unha representación da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) mantivo en Bruxelas un programa de encontros con responsables da Unión Europea, co apoio da Fundación Galicia Europa, para abordar os avances rexistrados en Galicia na aplicación de tecnoloxías intelixentes ao servizo da Administración.

A directora da Oficina de apoio Estratéxico e Planificación da Axencia, María Bobillo, mantivo o mércores 22 de xuño un encontro cos responsables de “The Lisbon Council”, promotores da iniciativa Govtech4all, á que vén de adherirse a Xunta .

Este consorcio, denominado Govtech4all, pretende abrir o mercado de tecnoloxía do sector público para garantir que os gobernos utilicen as mellores solucións, sen estar condicionados pola necesidade de axustarse mellor aos procesos de adquisición ou pola tendencia a adquirir tecnoloxía “autóctona”.

Segundo explican os promotores da iniciativa, “Govtech4all promoverá novos modelos de innovación do sector público” e permitirá que “os sectores público e privado, os organismos de investigación e as ONG traballen xuntos para aprender uns dos outros, ofrecer proxectos piloto comúns e elevar o perfil de goberno intelixente en cada país a un nivel que se poida considerar o da UE”.

No Consorcio, ademais da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, participan empresas de 15 países europeos: España, Bélxica, Portugal, Polonia, Países Baixos, Suecia, Grecia, Letonia, Luxemburgo, Alemaña, Estonia, Dinamarca, Lituania, Francia e Italia. Por parte de España, os asinantes ata este momento son o Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, o concello de Madrid, a Lantik (sociedade participa en exclusiva pola Deputación Foral de Biscaia para a transformación dixital) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.

Tamén no día de hoxe, a representante da Axencia mantivo un encontro co responsable de políticas de estratexias dixitais da Dirección Xeral de Redes de Comunicacións, Contido e Tecnoloxía (DGCONNEC) da Comisión Europea. María Bobillo explicou ao responsable comunitario os contidos e obxectivos da Estratexia Galicia Dixital 2030, así como os avances na evolución do proceso de transformación dixital en Galicia.

Pola tarde, a representante da Xunta asistiu a unha mesa redonda de alto nivel sobre a Intelixencia Artificial para o sector público na que interveu o comisario europeo de Orzamento e Administración, Johannes Hahn.

 

O goberno intelixente en Galicia

Galicia conta xa cun proxecto propio de Goberno intelixente (GobTech), do que forma parte un acordo marco por importe de 30 millóns de euros para a contratación por parte da Administración autonómica e entidades públicas de servizos para o impulso de tecnoloxías avanzadas.

A Estratexia Galicia 2030 e a Estratexia Galega de Intelixencia Artificial establecen a folla de ruta para o desenvolvemento dunha administración dixital avanzada e que utilice todos os recursos dispoñibles das tecnoloxías intelixentes.

A Estratexia promovida pola Xunta para toda a transformación dixital baséase en esquemas de colaboración entre administracións públicas e cos sectores privados reflectida nos nodos. Neste sentido, está en proceso de constitución o Nodo GalicIA, que acollerá a todos os axentes relacionados co desenvolvemento da Intelixencia Artificial baixo criterios éticos.

Este modelo de colaboración funciona xa en convenios como o que a Xunta asinou coas tres universidades do Sistema Universitario Galego para e elaboración de un estudo para a configuración dun marco ético e normativo para o desenvolvemento da Intelixencia Artificial.

Están tamén avanzados os traballos para avaliar e mellorar a eficiencia dos procedementos administrativos con tecnoloxías intelixentes, en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela. No marco deste convenio estase a desenvolver unha metodoloxía para a análise con técnicas de minería de procesos e a posta en marcha dun asistente virtual avanzado ao servizo da cidadanía.

Máis información: Xunta de Galicia

 
 
 
 
 
 
 

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data