Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Galicia na UE » Asuntos Marítimos » Galicia presenta as primeiras liñas do ditame europeo sobre o futuro da pesca

Galicia presenta as primeiras liñas do ditame europeo sobre o futuro da pesca

02/06/2023 | ,

— O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, e o director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, participaron hoxe na reunión fóra de sede da comisión de Recursos Naturais (NAT) do Comité Europeo das Rexións (CdR) celebrada na cidade polaca de Torun

— Galicia lidera a reacción das rexións europeas ao paquete de medidas publicado en febreiro pola Comisión Europea sobre a contribución da pesca e a acuicultura á transición verde na Unión Europea

Torun (Polonia), 1 de xuño de 2023. O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, e o director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta participaron hoxe con preto dun cento de representantes rexionais e locais europeos na presentación das primeiras ideas do ditame “A Política Pesqueira Común sobre o terreo: cara a unhas comunidades costeiras sostibles e resilientes na UE”. Este é o terceiro ditame que Galicia lidera en materia pesqueira despois dos referidos ao futuro da acuicultura na UE en 2015 e ao Fondo Marítimo y de Pesca (FEMP) en 2018.

A Comisión Europea presentou en febreiro un paquete de catro comunicacións co obxectivo de “mellorar a sustentabilidade e a resiliencia do sector da pesca e acuicultura na UE”. Entre as medidas propostas, inclúese a prohibición da pesca de arrastre de fondo nas áreas mariñas protexidas.

Neste contexto, Galicia está a liderar a resposta das rexións e municipios europeos, para o que hoxe Jesús Gamallo mantivo un primeiro debate cos membros de NAT. A intención da Xunta é plasmar unha visión rexional que contribúa a acadar un equilibrio entre as dimensións social, económica e medioambiental da Política Pesqueira Común (PPC). Durante o debate, diversos representantes destacaron a necesidade de salvagardar a pesca europea, para o que é necesario un maior diálogo co sector pesqueiro. A importancia dos produtos do mar na seguridade alimentaria na UE, a dificultade do relevo xeracional ou a descarbonización da actividade pesqueira foron outros dos temas abordados.

Progresos na sustentabilidade e a protección do consumidor

A comisión NAT tratou nesta reunión en Polonia outros dous ditames. Por unha parte, sobre o novo plan da Comisión para a protección dos consumidores fronte o chamado greenwashing, que avoga por unha harmonización da medición do impacto ambiental dos produtos elaborados na UE. O segundo ditame, sobre a sustentabilidade da agricultura europea, suxire a creación dun fondo da UE que poida emitir “bonos catástrofe” para aumentar a protección dos produtores europeos fronte crises.

Galicia na comisión NAT do Comité Europeo das Rexións

Neste sétimo mandato do CdR que deu comezo en 2020, Galicia participa na comisión de Recursos Naturais (NAT) e na comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX). NAT prepara os ditames de opinión en áreas como as políticas comúns de agricultura e pesca, o turismo ou a saúde pública.

Máis información: Xunta de Galicia

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data