Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Galicia na UE » Emprego e Asuntos Sociais » Galicia recibe o premio á Rexión Emprendedora Europea 2025 pola súa aposta a prol da xeración de riqueza e emprego para fixar poboación no rural

Galicia recibe o premio á Rexión Emprendedora Europea 2025 pola súa aposta a prol da xeración de riqueza e emprego para fixar poboación no rural

20/06/2024 |

— Este premio do Comité Europeo das Rexións, que recoñece ás rexións da UE que presentan estratexias innovadoras de impulso do emprendemento, recaeu tamén na provincia croata de Krapina Zagorje e na rexión polaca de Mazovia.

— O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración agradeceu o recoñecemento ao plan autonómico para desenvolver o potencial das catro provincias galegas con diversidade de actividades empresariais que aproveiten os recursos existentes e as posibilidades das novas tecnoloxías.

— Enmarcou a Estratexia Galicia Rexión Emprendedora Europea 2025 no Plan Estratéxico de Galicia 2022-2030, co que a Xunta busca afrontar o reto demográfico e o crecemento sustentable e verde, entre outros obxectivos.

Bruxelas, 20 de xuño de 2024. O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, recolleu esta mañá durante a segunda xornada do pleno 161 do Comité Europeo das Rexións o premio a Galicia como Rexión Emprendedora Europea 2025. Con este galardón, recoñécese a aposta da Xunta por desenvolver o potencial das nosas catro provincias a través de actividades empresariais que contribúan a fixar poboación.

Concretamente, viuse recoñecida a proposta O rural como espazo competitivo para emprender, que persegue visibilizar a Galicia non urbana como un territorio cheo de oportunidades, tanto para os residentes, como para os galegos retornados ou os moitos que elixen a nosa terra para establecerse. Durante o acto, o conselleiro loou o empeño e a perseveranza dos “nosos emprendedores por xerar novas ideas que frutifiquen en negocios para que Galicia siga crecendo, evolucionando e prosperando”.

Para acompañar ese progreso, fixo fincapé en que o Goberno galego leva anos impulsando medidas como a Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego, con 13 centros activos na actualidade que levan atendido máis de 2.000 iniciativas empresariais desde a súa posta en marcha hai case dous anos. Así mesmo, mencionou outras iniciativas innovadoras de vertebración e cohesión do territorio nas que traballa o Goberno galego para fixar poboación no rural, atraer a traballadores de alta cualificación e impulsar novos negocios ligados ao territorio.

A estratexia galega

Segundo resaltou o conselleiro, a Estratexia Galicia Rexión Emprendedora Europea 2025, elaborada co apoio da Fundación Galicia Europa, enmárcase no Plan Estratéxico de Galicia 2022-2030 da Xunta. Esta define unha folla de ruta específica para avanzar no reto demográfico, nunha Galicia verde e sustentable, na competitividade e o crecemento e na cohesión social e territorial.

En concreto, coa proposta que hoxe se ve recoñecida perséguese unha maior equidade territorial, o aumento das persoas emprendedoras na Galicia non urbana, a diversificación das actividades económicas que se desenvolven nesa contorna e o fortalecemento da colaboración cos axentes públicos e privados.

Por último, o conselleiro avogou por seguir traballando arreo para continuar sendo merecedores do recoñecemento como Rexión Emprendedora Europea 2025. Remarcando que é a primeira vez que Galicia é galardoada cun premio deste tipo, comprometeu o labor da Xunta para acompañar e apoiar “os nosos emprendedores e emprendedoras, axudándoos a navegar entre as tempestades e celebrando os seus acertos, porque o seu éxito será o de todos”, concluíu.

Premio Galicia Rexión Emprendedora Europea 2025

Contexto

A European Entrepreneurial Region -Rexión Emprendedora Europea- é unha iniciativa organizada polo Comité Europeo das Rexións en asociación coa Dirección Xeral de Mercado Interior, Industria, Emprendemento e Pemes da Comisión Europea (DG GROW) que identifica e recoñece as rexións da Unión Europea que presentan estratexias excelentes e innovadoras de impulso do emprendemento, independentemente das súas dimensións, riqueza e competencias.

Nesta ocasión, Galicia comparte o recoñecemento coa provincia croata de Krapina Zagorje e coa rexión polaca de Mazovia. Desde a creación da etiqueta REE -Rexión Emprendedora Europea- en 2010, o premio concedeuse a 39 rexións e cidades e a 17 Estados membros da UE. Esta etiqueta está apoiada por partes interesadas da UE como o SME United, Eurochambres, Social Economy Europe e EURADA, entre outras entidades.

Máis información: Xunta de Galicia

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data