Bruxelas, 11 de maio de
2015.- A Fundación
Galicia Europa (FGE) participou un ano máis e en representación de Galicia na
24º edición dos Open Doors Day, a xornada de portas abertas das institucións
europeas que pretende achegar o funcionamento destas aos cidadáns co motivo do
día de Europa.
O expositor galego estivo ubicado no quinto piso do Comité das Rexións (CdR)
xunto a outras corenta rexións e cidades europeas que deron a coñecer nun
ambiente festivo as súas características culturais, históricas, gastronómicas e
turísticas a todos os visitantes que se achegaron ao CdR para celebrar o día de
Europa.
O persoal da Fundación Galicia Europa informou a todo aquel que se achegou
ao expositor galego sobre as características históricas, culturais e turísticas
de Galicia, destacando o interese dos visitantes polo camiño de Santiago, os
centros e vilas históricas e a gastronomía.
Ao estarmos preto da data de celebración do Día das Letras Galegas, o
persoal da FGE tamén informou aos visitantes sobre a existencia dunha lingua e
unha literatura propias de Galicia, repartindo información sobre distintos
autores galegos.
Open Doors Day
Co motivo do día de Europa, as institucións europeas celebran cada ano unha
xornada de portas abertas na que invitan a todos os cidadáns a visitar e
coñecer de preto o funcionamento das institucións europeas. Nun ambiente lúdico
e con actividades para todos os públicos, incluídos os máis pequenos, a capital
comunitaria convértese por un día nun festival no que celebrar Europa.