Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Galicia na UE » Competitividade » Galicia participa na III Conferencia Anual da Alianza de Rexións Europeas con Industria de Automoción con sete medidas para apoiar ao sector

Galicia participa na III Conferencia Anual da Alianza de Rexións Europeas con Industria de Automoción con sete medidas para apoiar ao sector

02/12/2024 | , ,

— Galicia estivo respresentada pola conselleira de Economía e Industria e o director da Área de Competitividade do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape)

Monza (Italia), 29 de novembro de 2024. A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, presentou hoxe na III Conferencia Anual da Alianza de Rexións Europeas con Industria de Automoción (ARA) sete medidas que a Xunta de Galicia considera urxente adoptar para garantir a viabilidade do sector en Europa e os empregos.

Lorenzana interveu hoxe na terceira edición deste foro europeo, un encontro de alto nivel onde se asinou a “Declaración de Monza”, e que reuniu en Italia a 36 rexións europeas (seis delas españolas -Galicia, Aragón, Cataluña, Navarra -que este ano ostentou a presidencia-, Andalucía e Valencia-), ademais de membros da Comisión Europea e o Comité Europeo das Rexións, xunto con empresas privadas e outros axentes do sector.

Como primeira medida, a conselleira sinalou a necesidade de flexibilizar as normativas: “Precisamos prazos máis amplos e razoables para que o sector poida adaptarse sen perder viabilidade”, dixo. En segundo lugar, pediu unha revisión de sancións ao considerar “imprescindible” reconsiderar as sancións impostas ás empresas, sobre todo, as derivadas de períodos estritos que non reflicten a complexidade real do cambio, argumentou. Tamén reclamou fondos comunitarios específicos: “Europa debe poñer en marcha fondos específicos suficientes para apoiar a transición tecnolóxica e enerxética do sector para que teña unha transición xusta”.

Como cuarta medida, destacou a importancia de “fomentar o aproveitamento dos recursos naturais das rexións para repercutir na redución dos custos enerxéticos da industria da automoción”. En quinto lugar, solicitou a modificación das normas de axudas: “É urxente cambiar a normativa comunitaria que limita as axudas ás grandes empresas e permitir que estas se convertan en motores de transformación para todo o ecosistema industrial e, polo tanto, para toda a cadea de valor”, abondou. A sexta medida que citou é a desburocratización: “Na Xunta de Galicia somos firmes defensores dunha simplificación ao máximo na xestión. Temos que axudar ás empresas e non estorbar. Temos que simplificar as axudas. Esta é a nosa máxima”. E en sétimo lugar, demandou a focalización dos apoios nos investimentos: “A clave está en axudar ás compañías a investir para readaptar as súas liñas de produción debido, por exemplo, á electrificación”, dixo.

Lorenzana asistiu a esta conferencia acompañada do secretario xeral de Industria e desenvolvemento Enerxético, Nicolás Vázquez, e do director da Área de Competitividade do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Norberto Penedo.

Contexto

En Galicia, a industria do automóbil representa preto do 14% do seu PIB e emprega a máis de 25 000 persoas, o que se corresponde con 15% de todo o seu emprego industrial. A nivel Europeo, esta representa o 7% do PIB comunitario e emprega a máis de 14 millóns de traballadores, o que equivale a un 6,1% do emprego total da UE.

A importancia deste sector para a nosa rexión, xunto co momento de transformación que este está vivindo (terá que asumir grandes cambios nun período moi curto de tempo) motivan que a FGE forme parte de dous foros rexionais auspiciados polo Comité Europeo das Rexións (CdR), nos cales se impulsan todas aquelas iniciativas que fomentan unha transición xusta para as rexións automobilísticas europeas, en colaboración coas institucións europeas e outras partes interesadas. Fálase aquí do Grupo Interrexional sobre o futuro do automóbil (CoRAI), do que Galicia forma parte dende a súa creación no 2009, e da Alianza de Rexións con Industrias da Automoción (ARA), oficialmente lanzada en xuño de 2022.

A finais de outubro, a Fundación Galicia Europa participou na segunda reunión política de CoRAI, levada a cabo no marco da sesión plenaria do Comité Europea das Rexións. Nesta ocasión, mirouse a futuro e abordáronse as vías precisas para garantir a transición xusta das rexións automobilísticas durante o próximo mandato do CdR, que será renovado en 2025, e da flamante Comisión Europea. Entre estas, atópase a necesidade de contar cunha ferramenta de seguimento a nivel europeo que analice o impacto da transición nas diferentes rexións involucradas, así como apoio financeiro axeitado para abordar as necesidades implicadas.

A nosa rexión forma parte do CoRAI dende a súa creación en 2009, chegando a facerse cargo dunha das súas vicepresidencias. Este Grupo Interrexional, composto por rexións automobilísticas, promove a cooperación coa industria e outras partes interesadas e actúa de enlace coas institucións europeas.

Entre tanto, ARA está formada por 36 rexións de sete Estados membros: Alemaña, Austria, Eslovaquia, España, Francia, Italia e República Checa. O seu obxectivo principal é impulsar un proceso similar ó que xa se levou a cabo coas rexións consideradas en transición pola UE (é dicir, aquelas rexións dependentes de determinados combustibles fósiles e rexións intensivas en carbono) para así acadar apoio financeiro para a transición do sector.

Como punto de partida, aprobouse a “Declaración para unha transición xusta, equitativa e satisfactoria”, un decálogo no que se expoñen reivindicacións vitais, como a capacitación de traballadores ou a creación dun mecanismo europeo que leve asociado un orzamento específico. Esta Declaración contou coas aportacións do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) grazas á mediación da FGE. 

Na primeira reunión política da Alianza, que tivo lugar en Leipzig en novembro de 2022, Galicia foi representada polo director xeral do IGAPE, quen recibiu apoio técnico da FGE. Na segunda, celebrada en Pamplona en novembro de 2023, participou o secretario xeral de Industria. 

Máis información: 

Fonte: Comité das Rexións

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data