Actualidade
Portada » Actualidade » Novas » Galicia na UE » Cohesión »A Semana Europea das Rexións despídese de Bruxelas cunha alta participación galega
— Galicia estivo representada en seis citas diferentes da última edición da EU Regions Week, dando continuidade a participación neste evento que iniciou fai máis de dúas décadas.
— A Fundación Galicia Europa organizou dous seminarios na edición deste 2023, un sobre a intelixencia artificial e outro sobre a industria no marco das transicións verde e dixital.
Bruxelas, 13 de outubro de 2023. A Semana Europea das Rexións e das Cidades (#EURegionsWeek) acaba de deixar atrás a súa vixésimo primeira edición, celebrada entre os días 9 e 12 de outubro. Durante as últimas catro xornadas, Bruxelas albergou os máis de 300 actos do programa do que xa se asentou nas dúas últimas décadas como o maior evento sobre a política de cohesión europea.
A través da Fundación Galicia Europa (FGE), entidade representante da Xunta ante a Unión Europea, Galicia leva participando no evento desde as súas orixes, fai xa máis de dúas décadas, e este 2023 non foi unha excepción. Nesta ocasión, a nosa rexión estivo representada nun total de seis citas, dúas das cales foron organizadas pola FGE, ambas as celebradas o martes día 10.
A Fundación Galicia Europa na EU Regions Week
![]()
Na primeira das citas organizadas pola Fundación Galicia Europa abordouse o papel que teñen as rexións europeas no desenvolvemento da intelixencia artificial, creándose o espazo idóneo para expoñer ante o público europeo o traballo que se levou a cabo desde Galicia en relación con esta tecnoloxía. Quedou patente así a aposta da Xunta pola transformación neste ámbito, materializada no traballo da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e, en particular, no actual proceso de elaboración da lei de planificación, organización e impulso da IA en Galicia e na concesión da primeria axencia estatal de supervisión da IA (AESIA).
O encontro contou coa participación de María Bobillo, a directora de Planificación da Amtega, en calidade de moderadora, e de Beatriz Allegue, xefa de Desenvolvemento Lexislativo da Asesoría Xurídica Xeneral da Xunta, como relatora. Xunto a ela, interviñeron tamén Thomas Wobben, director de Traballos Lexislativos no Comité das Rexións (CdR) e Miguel Valle do Olmo, o conselleiro de Transformación Dixital na Representación Permanente de España ante a UE.
![]()
Aínda que nun escenario diferente, tamén puxo ao noso territorio no foco a charla protagonizada por Julio Pombo, director de Impulsa Galicia. Organizada de igual maneira pola Fundación Galicia Europa e baixo o pretexto de retratar a adaptación da industria galega ás transicións verde e dixital, serviu para dar a coñecer algunhas das iniciativas desta sociedade público-privada promovida pola Xunta.
De entre a carteira de proxectos nos que traballa co obxectivo de axilizar iniciativas empresariais tractoras que incidan na transformación económica destaca a construción da primeira planta de Ilyocell de Europa, que verá a luz en Palas de Rei a mans do grupo Altria. A xeración de hidróxeno verde e a recuperación integral e sostible do rural galego son outras dúas das súas prioridades.
![]()
Ademais, tras a sesión de peche da Semana Europea das Rexións e das Cidades 2023, a Fundación Galicia Europa participou con outras rexións españolas nunha cata de productos típicos. Organizada no marco da Presidencia española do Consello da UE, achegou a tarta de Santiago, a empanada, os queixos galegos e o viño Ribeiro ao público europeo.
Outra representación galega na EU Regions Week 2023
![]()
Ademais de en os dous eventos organizados pola Fundación Galicia Europa, os intereses galegos estiveron tamén representados noutras tres citas. Unha delas contou coa participación de Sagrario Pérez Castellanos, a directora xeneral de Cambio Climático da Xunta, que explicou ante os asistentes como se implementou en Galicia o Pacto das alcaldías. Durante os seus catro anos de vida, a Oficina Técnica de Asistencia a Concellos logrou axuntar a 285 concellos galegos na loita contra o cambio climático desde o ámbito local.
Tamén no seo do programa da Semana Europea de Rexións debateuse sobre as cualificacións profesionais en zonas de fronteira entre países. A perspectiva galego-portuguesa achegouna Nuno Almeida, o director da Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal, que presentou o proxecto piloto de Formación Profesional Dual Transfronteiriza.
![]()
Finalmente, aínda que nun evento paralelo á axenda oficial da EU Regions Week, tamén estivo representado o Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga). A entidade galega coorganizou un seminario xunto con Flanders’ FOOD (de Flandes) e AgriFood Capital – FoodNL (de Brabante) no que se deron a coñecer algunhas das iniciativas de cada unha das entidades en materia de innovación agroalimentaria, así como os seus proxectos colaborativos.