Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Galicia na UE

Galicia lidera os pasos das rexións da Unión Europea para fixar unha proposta conxunta, social e de futuro da política pesqueira común

06/06/2022 |

 

— Rosa Quintana, defendeu a necesidade dunha PPC que aposte pola remuda xeracional mediante a mellora das condicións de vida a bordo e a adecuación da formación para facer da profesión unha opción atractiva para a mocidade europea

 

— Trátase dun dos cinco eixos estratéxicos que defende o ditame elaborado polo Consello Galego de Pesca e ao que se suman un comercio pesqueiro xusto, unha pesca sostible e compatible coa conservación da biodiversidade, a adaptación ao cambio climático e a cogobernanza global como base para a sustentabilidade da actividade.

 

A Coruña, 6 de xuño de 2022.- A conselleira do Mar, Rosa Quintana, puxo hoxe de relevo a necesidade de buscar aliados e unir intereses rexionais comúns de cara á revisión da Política Pesqueira Común (PPC). Nesta liña, sinalou que Galicia vai á cabeza nos pasos das rexións da Unión Europea para fixar unha proposta conxunta, social e de futuro co fin de que as necesidades do sector marítimo-pesqueiro sexan atendidas polas autoridades europeas ante o informe que vai emitir a Comisión Europea nas vindeiras semanas sobre o funcionamento da PPC.

Así o destacou hoxe na Coruña durante as xornadas Que futuro queremos para o sector pesqueiro da UE? Balance da aplicación e propostas de futuro para a política pesqueira común desde as rexións costeiras da UE?, evento organizado pola Xunta en colaboración coa Conferencia de Rexións Periféricas e Marítimas (CRPM).

Durante a primeira sesión deste evento, centrada nas leccións aprendidas polos gobernos rexionais da UE sobre a aplicación da folla de ruta da pesca europea, Rosa Quintana defendeu a necesidade dunha PPC que aposte pola remuda xeracional mediante a mellora das condicións de vida a bordo e a adecuación da formación para facer da profesión unha opción atractiva para a mocidade europea.

Este aspecto enmárcase na aposta por unha PPC social e de futuro, un dos cinco eixos estratéxicos que defende o ditame elaborado polo Consello Galego de Pesca e que se completan cun comercio pesqueiro xusto, unha pesca sostible e compatible coa conservación da biodiversidade, a adaptación ao cambio climático e a cogobernanza global como base para a sustentabilidade da actividade.

A titular de Mar tamén expuxo que estes cinco eixos xiran arredor de cinco obxectivos fundamentais para o sector, entre eles o de reforzar a unidade da Unión Europea en termos pesqueiros, acuícolas e de transformación e comercialización de produtos do mar e o desenvolvemento dun campo de xogo en igualdade de condicións (level playing field), tanto cara ao interior como cara ao exterior da Unión Europea, xerando a maior seguridade xurídica posible.

Outra das cuestións fundamentais é a revisión do concepto de zona altamente dependente da pesca cara aspectos clave na sociedade actual como a produción de alimentos de calidade. A estes asuntos engadiríanse a necesidade de adoptar medidas de xestión que permitan mellorar a aplicación da obriga de desembarque de capturas e a revisión do criterio de asignación de cotas para adecualo ao patrón de capturas de cada pesqueira.

Estes cinco obxectivos, subliñou a conselleira, márcanse en base á necesidade que sempre defende a comunidade galega de que os aspectos medioambientais vaian en consonancia cos sociais e económicos.

Pasos dados por Galicia

A titular de Mar explicou que, de cara a revisión da PPC, Galicia trazou unha folla de ruta de debate con diferentes axentes de interese na procura de solucións conxuntas que satisfagan as demandas do sector marítimo-pesqueiro. Nesta liña, Rosa Quintana expuxo que o ditame elaborado no seo do Consello Galego de Pesca que recolle as propostas da comunidade neste eido tendo como punto de partida a necesidade dunha solución europea e europeísta que reforce a cohesión social e económica. Este traballo foi trasladado ao Parlamento de Galicia e está a facer o mesmo cos representantes galegos no Congreso dos Deputados, no Senado e no Parlamento Europeo.

Esta folla de ruta tamén inclúe contactos con outras rexións pesqueiras europeas -que comezou en febreiro cunha visita á Bretaña francesa e continuará nos próximos meses con Países Baixos, Dinamarca e Irlanda- para crear sinerxías e pechar alianzas así como seguir traballando da man das principais organizacións pesqueiras europeas e das grandes redes de rexións costeiras atlánticas. Unha liña na que se segue traballando e na que se avanza a través destas xornadas que se celebran hoxe e mañá na Coruña.

O obxectivo deste traballo, salientou Rosa Quintana, é “emitir unha soa voz que sexa escoitada en Bruxelas ante a toma de decisións que van resultar vitais para o desenvolvemento da actividade marítimo-pesqueira da próxima década”.

Dentro deste labor conxunto, a conselleira do Mar agradeceu o papel do sector marítimo-pesqueiro, representado fundamentalmente polo grupo de traballo do Consello Galego de Pesca, e á CRPM pola súa colaboración na organización das xornadas que, durante a inauguración, Rosa Quintana valorou como “unha oportunidade para lanzar unha mensaxe única á Europa pesqueira”. Unha mensaxe, subliñou, que require o compromiso de todos para analizar as propostas de futuro que permitan mellorar a Política Pesqueira Común.

 

Máis información: Xunta de Galicia

 

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data