- O
director xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta de Galicia, Jesús
Gamallo, participou no debate dun documento de traballo ao respecto no
Comité das Rexións
- Os
representantes locais e rexionais están de acordo en fomentar a xestión
rexional da pesca e a cooperación entre zonas oceánicas, co obxectivo de
estender internacionalmente os estándares da UE
- A
comisión de Recursos Naturais do Comité das Rexións aprobou tamén un
ditame relativo á PAC despois de 2020
Bruxelas, 2 de
xuño de 2017. O Comité das Rexións (CdR) debateu onte un documento
de traballo que pretende contribuír á revisión intermedia do Plan de Acción do
Atlántico. O propósito da revisión é comprender a contribución do plan de
acción á consecución dos obxectivos de sostenibilidade, crecemento e emprego da
UE. No seu conxunto, o Plan de Acción para o Atlántico, adoptado en 2013, ten
como obxectivo apoiar a economía mariña e marítima na rexión atlántica para
crear un crecemento sustentable e inclusivo nas zonas costeiras.
O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta
de Galicia, Jesús Gamallo, participou no intercambio de ideas sobre o documento
na comisión NAT do CdR, cuxa reunión tivo lugar en Palma de Mallorca. Galicia
considera necesario reordenar os obxectivos do plan de acción para o Atlántico
en función da nova situación creada coa saída de Reino Unido da Unión Europea,
que terá repercusión nas actividades marítimas, de forma especial coas
actividades pesqueiras, marisqueiras e acuícolas. Cada territorio
ten distintos obxectivos, así que resulta indispensable a creación de sinerxias
entre áreas pesqueiras.
Gobernanza
internacional dos océanos
A comisión NAT aprobou tamén un ditame sobre gobernanza
internacional dos océanos, que acolle favorablemente a Comunicación da Comisión
a este respecto, apoiando as accións propostas co fin de garantir que os
océanos sexan seguros e limpos. O documento sinala que moitas das cuestións
relacionadas coa gobernanza neste ámbito teñen unha dimensión inevitablemente
local. Os representantes locais e rexionais están tamén de acordo en fomentar a
xestión rexional da pesca e a cooperación en zonas oceánicas, co obxectivo de
estender internacionalmente os estándares da UE, por exemplo mediante o sistema
europeo de cartóns amarelos e vermellos como modelo para combater a pesca
ilegal. Para Galicia, esta loita reforzaría os recursos alimenticios dos
océanos a escala mundial, polo que a industria europea se beneficiaría
directamente. O proxecto de ditame recolle así mesmo as achegas galegas
relativas a que a sustentabilidade dos océanos está en perigo non soamente
polas actividades pesqueiras, senón tamén por outras ameazas como o cambio
climático ou a xestión dos residuos mariños.
Futuro da PAC
despois de 2020
No CdR aprobouse ademais un proxecto de ditame sobre a PAC
(Política agrícola común) post 2020. O texto subliña que a situación actual da
PAC presenta diversos problemas, entre os que cabe destacar a necesidade de
promover unha política agrícola e alimentaria máis sustentable, a falta de
atractivo económico da profesión de agricultor ou a gran desigualdade na
repartición da axuda pública. Por iso, o ditame do CdR propón que o futuro da
PAC despois de 2020 enfóquese en obxectivos compartidos.
Desde o punto de vista económico, o CdR solicita que se
manteña o mesmo porcentaxe no orzamento, pero de maneira máis eficiente. Pola
súa banda, para fomentar o desenvolvemento do medio rural, o CdR solicita un
maior equilibrio entre o primeiro (pagos directos ás explotacións) e o segundo
alicerce (política de desenvolvemento rural) da PAC. Ademais, recomenda a
adopción dun programa marco para que todas as políticas europeas contribúan ao
desenvolvemento das zonas rurais, especialmente fomentando o emprego.
No contexto destas negociacións da PAC despois de 2020, e debido
ao tradicional compromiso da Xunta de Galicia co sector, os membros da comisión
NAT foron convidados polo director xeral Jesús Gamallo a unha visita de estudo
á nosa comunidade o próximo 14 de xuño. Baixo o título “A produción leiteira
desde unha perspectiva rexional: o caso de Galicia”, os representantes locais e
rexionais poderán coñecer as estratexias emprendidas pola nosa comunidade no
sector lácteo e o impacto das medidas da UE.