Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Galicia na UE » Brexit » Galicia reivindica no CdR a importancia da dimensión rexional nas relacións da UE co Reino Unido

Galicia reivindica no CdR a importancia da dimensión rexional nas relacións da UE co Reino Unido

24/01/2024 |

— O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, representou a Galicia na última reunión do órgano do Comité Europeo das Rexións especializado nas relacións post-Brexit.

— Os membros reivindicaron o papel das rexións e das localidades na gobernanza do Acordo de Comercio e Cooperación entre a UE e Reino Unido e no marco do acordo de Windsor.

Bruxelas, 24 de xaneiro de 2024. A última sesión do grupo de contacto entre o Comité Europeo das Rexións e o Reino Unido contou coa presencia do director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo. Constituído no ano 2020, este órgano proporciona un foro de diálogo e de asociación permanente entre rexións e localidades da Unión Europea e do Reino Unido coa finalidade de reivindicar o seu papel nas relacións post-Brexit.

Na súa novena reunión, centrouse en abordar o problema da falta de participación dos entes locais e rexionais na gobernanza do Acordo de Comercio e Cooperación entre a UE e Reino Unido, o marco que dende 2021 codifica as relacións entre ambos bloques sobre a base da preservación da cooperación entre eles. O papel das rexións e cidades non está recoñecido formalmente no acordo, a pesares das grandes repercusións territoriais e competenciais deste convenio a nivel subestatal. A cuestión abordouse a través de dúas sesións temáticas.

Na primeira, Bretaña exemplificou o impacto que o Brexit e a aplicación do Acordo están tendo na súa economía, moi dependente das relacións co país veciño. Subliñou a necesidade de fortalecer os intercambios culturais entre ambas partes e de incorporar aos gobernos locais e rexionais no seguimento das relacións e dos seus futuros cambios. A segunda sesión temática consistiu nun balance un ano despois da adopción do Marco de Windsor, o acordo que aborda os retos relativos á situación de Irlanda do Norte.

O director xeral destacou o papel asumido por Galicia neste eido entre os anos 2017 e 2023, período no que a nosa rexión actuou como coordinadora do Grupo Operativo para o Brexit da Comisión Arco Atlántico. Este grupo serviu como foro para o seguimento das consecuencias que a saída do Reino Unido da UE tivo para as rexións integradas nesta comisión xeográfica da Conferencia de Rexións Periféricas e Marítimas (CRPM).

Contexto

CdR grupo UE-Reino Unido

Desde a súa posta en marcha no 2020, o grupo de contacto entre o Comité das Rexións e Reino Unido constituíuse como o único espazo institucional para o diálogo permanente entre as rexións e localidades da Unión europea e do Reino Unido. É utilizado polas autoridades rexionais e locais para intercambiar coñecementos técnicos, particularmente sobre cooperación territorial e cuestións transfronteirizas.

A delegación do CdR está composta por doce membros de pleno dereito e un observador, seleccionados en base a criterios de equilibrio político, xeográfico e de xénero.

Máis información: Xunta de Galicia

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data