Actualidade

Portada » Actualidade » Galicia fai balance dun mandato do CdR en defensa do Estado de Dereito, a democracia e os dereitos fundamentais

Galicia fai balance dun mandato do CdR en defensa do Estado de Dereito, a democracia e os dereitos fundamentais

26/11/2024 |

— O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE participou esta mañá na última sesión da comisión CIVEX do actual mandato (2020-2025) do Comité Europeo das Rexións (CdR)

— Jesús Gamallo fixo balance deste período, marcado pola invasión de Ucraína e os cambios xeopolíticos en Europa

Bruxelas, 26 de novembro de 2024. O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, participou na reunión número 25 da Comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX) do Comité Europeo das Rexións (CdR). Esta xuntanza, a última do actual mandato (2020-2025), serviu para reflexionar sobre os principais logros, ditames e actividades durante os últimos cinco anos, centrados principalmente na defensa da democracia, o Estado de Dereito e os dereitos fundamentais.

O director xeral aproveitou para facer balance deste mandato do CdR, marcado pola invasión de Ucraína e os cambios xeopolíticos en Europa. Neste período, Galicia amosou o seu compromiso co país invadido, apoiando opinións a favor do fortalecemento do papel das autoridades locais e rexionais ucraínas. Tamén apostou pola participación dos entes subestatais na aplicación do Pacto de Migración e Asilo e abordou o proceso de ampliación da UE participando en opinións sobre os países aspirantes.

En palabras de Gamallo, Galicia demostrou o seu compromiso co impulso dos valores democráticos, a subsidiariedade activa, a mellor regulación e a integración europea dende un enfoque multilateral. O director xeral amosou, ademais, a súa vontade de poder seguir facéndoo durante o próximo mandato. Con ese horizonte, os membros da comisión debateron sobre un proxecto de ditame relativo a “A perspectiva local e rexional na aplicación do Estado de Dereito na Unión Europea”, que se aprobará o ano próximo, trala primeira sesión constitutiva en febreiro. A última sesión de CIVEX acolleu, ademais, o Diálogo anual coa Axencia dos Dereitos Fundamentais da Unión Europea.

Contexto

No actual mandato 2020-2025 do Comité Europeo das Rexións (CdR), Galicia participa na Comisión de Recursos Naturais (NAT) e na Comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX). Esta última elabora ditames en materia de seguridade, liberdade, xustiza, política migratoria, e cidadanía, canalizando así a voz das rexións e municipios europeos para o reforzo da democracia europea. O próximo mandato do Comité iniciará en febreiro do ano que vén.

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data