Actualidade
Portada » Actualidade » Análise FGE da actualidade comunitaria »
Galicia EER2025, premio Rexión Emprendedora Europea 2025
Galicia EER2025, elaborada en colaboración coa Fundación Galicia Europa, é unha estratexia deseñada para impulsar o emprendemento no medio rural galego a través dun enfoque a medida.
Tanto é así que a Xunta de Galicia constrúe este marco estratéxico sobre a base de accións xa existentes, ao tempo que implementa outras novas para poñer en valor o medio rural galego, facilitando tanto o acceso a apoios financeiros como técnicos.
Para iso, a colaboración interadministrativa e público-privada xogarán un papel clave, así como a creación dun portelo único, que conectará as necesidades das empresas e emprendedores do rural co goberno rexional.
Este enfoque único aborda problemas característicos das zonas rurais, como o despoboamento e o envellecemento da poboación, contribuíndo así á prosperidade social e económica de toda a rexión.
Visibilizar este logro a través do premio Rexión Emprendedora Europea (EER, polas súas siglas en inglés) recoñece a importancia do medio rural galego como catalizador do desenvolvemento económico e consolida as historias de éxito en Galicia como un referente.