Actualidade

Portada » Actualidade » Galicia e outras rexións europeas abordan o proceso de ampliación da UE

Galicia e outras rexións europeas abordan o proceso de ampliación da UE

13/09/2024 |

— O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE participou nunha reunión do Comité Europeo das Rexións que se desenvolveu en Szeged (Hungría)

— Jesús Gamallo defendeu os actuais criterios de adhesión e apelou a que o custoso proceso de reconstrución de Ucraína non poña en perigo a política de cohesión a partir de 2027

Szeged (Hungría), 13 de setembro de 2024. O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, na súa condición de membro da comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX) do Comité Europeo das Rexións (CdR), participou nunha reunión na cidade húngara de Szeged. Entre outras cuestións, no encontro abordouse en detalle o proceso de ampliación da Unión Europea, tanto dende a perspectiva das institucións en Bruxelas como do impacto nos Estados membros, ademais de analizar o perfil dos países que aspiran a formar parte do proxecto comunitario.

O proceso de ampliación vén de entrar nunha nova fase para os candidatos –Balcáns occidentais, Ucraína, Moldava ou Turquía, entre outros– trala publicación dunha comunicación da Comisión Europea sobre as reformas e as políticas que deben poñer en marcha. Nesta folla de ruta, o executivo comunitario incide en que o proceso de ampliación só terá éxito se hai plena participación das autoridades locais e rexionais.

Entre os aspirantes hai enormes diferenzas, tanto no plano político como no desenvolvemento económico

Entre os aspirantes hai enormes diferenzas, tanto no plano político como no desenvolvemento económico. O director xeral sinalou que os criterios de adhesión –os chamados criterios de Copenhague– non deben ser alterados e, en consecuencia, non se deben facer excepcións en función de cada país. Así, o respecto ao Estado de Dereito, ás liberdades fundamentais, á economía de mercado, á separación de poderes e á loita contra a corrupción, deben seguir sendo esenciais para todos os supostos de adhesión.

Jesús Gamallo abundou, ademais, no proceso de reconstrución de Ucraína, que suporá un grande investimento de recursos, e sinalou que esta tarefa non debe poñer en perigo unha política de cohesión eficaz posterior a 2027, nin condicionar os plans para mellorar a competitividade de Europa, tal e como se desprende do recente informe Draghi.

Contexto

No actual mandato 2020-2025 do Comité Europeo das Rexións (CdR), Galicia participa na Comisión de Recursos Naturais (NAT) e na Comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX). Esta última elabora ditames en materia de seguridade, liberdade, xustiza, política migratoria, e cidadanía, canalizando así a voz das rexións e municipios europeos para o reforzo da democracia europea.

Xunta de Galicia

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data