Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Galicia na UE » I+D+i » Galicia destaca a colaboración público-privada como un elemento chave a ter en conta na nova axenda de innovación europea

Galicia destaca a colaboración público-privada como un elemento chave a ter en conta na nova axenda de innovación europea

01/12/2022 |

— O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou na sesión plenaria do Comité Europeo das Rexións (CdR) na que se debateu sobre a nova Axenda de Innovación Europea

— No pleno tamén se abordaron as novas medidas para paliar o impacto que a crise de alimentos e enerxética está a ter nos fogares europeos

Bruxelas, 1 de decembro de 2022. O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou esta semana en Bruxelas no pleno do Comité Europeo das Rexións (CdR) en representación de Galicia. Na sesión aprobáronse 10 ditames de opinión e dúas resolucións políticas, ademais de celebrarse tres debates de alto nivel sobre a crise enerxética, a crise alimentaria a escala global e o Ano Europeo da Xuventude.

Entre os ditames, destaca o relativo á nova Axenda de innovación europea, proposta pola Comisión Europea o pasado verán, e que as rexións europeas consideran un instrumento esencial para acelerar a transformación ecolóxica e dixital en Europa. A Axencia Galega de Innovación propuxo varias emendas a este texto para destacar o papel das universidades como catalizadoras entre a o mundo académico e a industria para apoiar a innovación tecnolóxica e a transferencia de tecnoloxía.

Jesús Gamallo salientou a este respecto que a colaboración “entre institucións de educación superior, centros tecnolóxicos, empresas tractoras e pemes deben ser os motores do cambio estrutural necesario para acelerar esta innovación e crear, reter e manter talento en Europa, ademais de crear postos de traballo de calidade”. En especial, referiuse ao reforzo da colaboración público-privada como a base dos procesos de transformación que precisamos para abordar de xeito integral os retos que temos afrontar no curto e longo prazo. Así mesmo, o director xeral engadiu que a sociedade ten un papel importante que desempeñar neste sentido en canto orixe e destinataria de toda investigación e innovación.

Crise enerxética e de alimentos

Outros dos debates máis relevantes desta sesión plenaria foron os referidos á crise de alimentos e enerxética que están a sufrir os fogares europeos. No pleno debatéronse as medidas adoptadas pola UE en resposta á invasión de Ucraína por parte de Rusia e os altos prezos dos alimentos, e impulsáronse novas medidas para aumentar a fortaleza do sistema alimentario europeo a nivel rexional.

Con respecto á crise enerxética, o CdR fixo un chamamento a que as rexións e cidades estean no centro das reformas estruturais do mercado enerxético previstas para 2023. Galicia apoiou a solicitude das rexións europeas de que sexan as entidades locais e rexionais as beneficiarias directas dos fondos de emerxencia, xunto coas empresas e os fogares.

Comité Europeo das Rexións

O Comité Europeo das Rexións é a asemblea consultiva na que están representados os entes locais e rexionais da Unión Europea. En representación da Comunidade Autónoma de Galicia, o membro titular é o presidente da Xunta de Galicia, mentres que o cargo de membro suplente recae no director xeral de Relacións Exteriores e coa UE. A Fundación Galicia Europa presta apoio á participación galega nesta asemblea.

Máis información: Xunta de Galicia

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data