Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Galicia na UE

Galicia demanda unha canle específica para a participación rexional na aplicación do acordo de comercio e cooperación entre Reino Unido e a UE

18/03/2022 |

— O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou hoxe nunha reunión do Grupo de Contacto entre o Comité Europeo das Rexións e Reino Unido celebrada en Cardiff

 

— O grupo avaliou o primeiro ano de aplicación do Acordo entre Reino Unido e a Unión Europea, concluíndo que unha maior participación das rexións e municipios permitiría dar unha mellor resposta aos desafíos que xorden

 

 

Cardiff, 18 de marzo de 2022.- O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, foi invitado hoxe a participar na sexta reunión do Grupo de Contacto posto en marcha en 2020 entre o Comité Europeo das Rexións (CdR) e as rexións e municipios británicos. Entre os seus obxectivos, este grupo trata de afianzar a cooperación a nivel subnacional entre a UE e Reino Unido para compensar os contactos perdidos polo Brexit. No encontro abordouse de modo específico as dificultades de aplicación do Acordo de Comercio e Cooperación UE-Reino Unido que entrou en vigor a principios do pasado ano.  
 
”Os problemas concretos que xorden cada día nos territorios, como no caso da pesca, só poden resolverse cun coñecemento detallado sobre o terreo, polo que as rexións debemos contar coas canles adecuadas para participar na aplicación do Acordo UE-Reino Unido”, sinalou Jesús Gamallo. ”O Acordo non contempla un mecanismo formal para que os entes subestatais participen no seguimento da súa execución malia seren os responsables, en moitos casos, de apoiar aos sectores económicos que sofren as consecuencias”. 
 
Os representantes europeos e británicos abordaron a posibilidade de que o CdR se asocie dalgunha forma á recentemente creada Asemblea Parlamentaria UE-Reino Unido, composta por 70 deputados dos parlamentos británico e europeo co obxectivo de facer recomendacións ás decisións tomadas polo Consello de Asociación, o organismo que vela oficialmente pola execución do Acordo. Os problemas coas licencias de pesca ou a falta de abastecemento de gasolina ou bens básicos en Reino Unido foron expostos como exemplos da insuficiente aplicación do Acordo durante 2021.
 
Exemplos de cooperación rexional entre a UE e Reino Unido
 
A rexión anfitrioa, Gales, explicou as dificultades que afronta para aplicar o Acordo UE-Reino Unido e como, para non perder os contactos coa UE, puxo en marcha unha ”axenda de cooperación” grazas á cal concluíu varios acordos cun bo número de rexións europeas, como o ”memorando de entendemento” asinado con Galicia en 2018.
O representante galego lembrou, pola súa parte, a experiencia de cooperación que existe na área atlántica, especialmente en temas marítimos, e como a ambición de crear unha macro-rexión atlántica podería reforzar as relacións nesta área xeográfica.
A Comisión do Arco Atlántico, na que Galicia lidera o seu grupo operativo Brexit, avalía agora a posibilidade de prestar apoio ao programa de mobilidade educativa Taith, posto en marcha recentemente por Gales en substitución de Erasmus, no que Reino Unido xa non participa.
 
Grupo de Contacto entre o Comité Europeo das Rexións e Reino Unido
 
En 2020, a asemblea rexional e local da UE puxo en marcha un grupo de contacto coas autoridades locais e rexionais de Reino Unido para asegurar que o diálogo político continuase a este nivel tras o brexit. Liderado polo presidente da rexión francesa de Bretaña, o grupo está composto por 12 membros do CdR e por representantes das asociacións de municipios en Reino Unido e dos gobernos e asembleas parlamentarias de Escocia, Gales e Irlanda do Norte, así como do Concello de Londres e o Goberno de Gibraltar.
 
 

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data