• O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, presidiu hoxe unha sesión das rexións atlánticas na que se debateu sobre o futuro fondo de compensación ante o Brexit
  • Ante unha das relatoras sobre este fondo no Parlamento Europeo, Galicia demandou que, para a súa distribución, se teñan en conta os efectos indirectos do Brexit no sector pesqueiro
Bruxelas, 23 de marzo de 2021. O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, presidiu hoxe a reunión por videoconferencia do comité executivo da Comisión do Arco Atlántico (CAA) para preparar a súa estratexia política deste ano. Os efectos do Brexit centran o traballo desta rede de cooperación interrexional, polo que o seu comité executivo dedicou unha sesión a debater sobre a Reserva de Adaptación ao Brexit, un fondo de 5.000 milllóns de euros que a UE prevé poñer en marcha este ano.
A sesión tivo como invitada á eurodeputada francesa Irène Tolleret, relatora sobre a Reserva de Adaptación ao Brexit (BAR polas súas siglas en inglés) na comisión de Desenvolvemento Rexional no Parlamento Europeo.
Gamallo resumiu as demandas das rexións atlánticas e do Mar do Norte sobre o BAR, que foron recollidas nunha declaración publicada en decembro, días antes da proposta da Comisión. Entre elas, que as administracións rexionais deberían estar no centro da súa gobernanza e que debería haber garantías de que os fondos cheguen ás áreas máis afectadas nun prazo curto de tempo. Gamallo mostrou a súa satisfacción polo primeiro borrador do informe do Parlamento Europeo, xa que introduce unha mención á implicación das administracións rexionais na xestión do fondo.
Durante o debate co resto de rexións, o director xeral explicou o posicionamento de Galicia ante o regulamento do BAR, pois ten unha preocupación especial polos criterios de reparto propostos en materia de pesca. Galicia defende que estes criterios contemplen os efectos indirectos do Brexit, como a perda de cota pesqueira en países terceiros ou o posible impacto nos intercambios de cota entre países. Gamallo aludiu ao grupo de traballo que vén de crearse dentro do Consello Galego de Pesca no que se está a elaborar un estudo sobre esta cuestión.
As rexións atlánticas e o BAR
Dende 2017, Galicia lidera o grupo operativo Brexit dentro da Comisión do Arco Atlántico. A demanda dun fondo de compensación polos efectos do Brexit foi unha das principais reivindicacións deste grupo dende o seu inicio. O pasado verán, os líderes europeos acordaron a creación da Reserva de Adaptación ao Brexit, para a que a Comisión Europea preparou un regulamento que está a ser debatido agora entre o Parlamento Europeo e o Consello.
O seguimento e influencia nestas negociacións é unha das prioridades políticas da Comisión do Arco Atlántico para 2021. Esta rede de cooperación reúne a 17 rexións de Irlanda, Reino Unido, Francia, España e Portugal co obxectivo de promover conxuntamente o seu potencial e a afrontar retos comúns. Galicia pertence a ela dende a súa creación en 1989.