• A comunidade galega asume a presidencia da delegación española deste
    órgano comunitario

  • O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo,
    asistiu ao 112º pleno desta asemblea consultiva

  • Na súa intervención nun debate sobre o funcionamento da UE, Gamallo
    subliñou a importancia desta asemblea como garante dunha maior lexitimidade da
    UE

  • O presidente da Comisión Europea, Jean-Claude Juncker, debateu cos
    representantes rexionais e locais sobre as prioridades para Europa

  • Galicia chamou a atención sobre a necesidade de que os desafíos
    demográficos sexan unha das prioridades deste mandato

Bruxelas, 4 de xuño de 2015.- O
director xeral de Relacións exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou na
xornada de onte e esta mañá no 112º pleno do Comité das Rexións (CdR) na
capital comunitaria. O encontro estivo marcado por un debate sobre a axenda de
reforma do funcionamento da Unión Europea e o futuro do Tratado de Lisboa,
propiciado principalmente polo anuncio do Reino Unido de celebrar un referendo
sobre a súa permanencia na UE.

O
Parlamento Europeo traballa en dous informes de iniciativa relacionados coa
configuración institucional da Unión Europea e a posible reforma do Tratado de
Lisboa e decidiu consultar ao CdR sobre esta cuestión, polo que este debate en
sesión plenaria serviu para preparar a súa contribución formal como asemblea
consultiva. No debate participaron os eurodeputados Mercedes Bresso, Elmar Brok
e o tamén eurodeputado e ex primeiro ministro belga Guy Verhofstadt, que son
relatores destes informes do Parlamento Europeo e un representante de cada
grupo político do CdR, entre eles Jesús Gamallo, quen subliñou a necesidade de
reforzar o papel do CdR no proceso lexislativo europeo e de apostar por máis
transparencia, lexitimidade e achegamento aos cidadáns.

“Neste
momento máis importante que proceder cunha reforma do Tratado a través dunha
conferencia intergubernamental, é afondar nas posibilidades que ofrece o actual
Tratado de Lisboa. Os representantes rexionais e locais estamos en mellores
condicións para detectar as demandas dos cidadáns sobre a construción europea.
A transparencia, a simplificación dos procedementos e unha maior presenza
rexional na toma de decisións, sería determinante á hora de establecer un novo
relato, unha nova narrativa sobre o proxecto europeo”, dixo o director xeral.

O
CdR ten previsto adoptar unha resolución a este respecto no vindeiro pleno de
xullo, tras sometela a discusión na próxima reunión da súa comisión de
Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX). Entre as
propostas dos informes do Parlamento Europeo, o CdR coincide na necesidade
dunha maior consideración da dimensión territorial da Unión Económica e
Monetaria, no establecemento de follas de ruta para a culminación da unión
política ou na posta en marcha dun procedemento electoral uniforme para as
eleccións ao Parlamento Europeo, entre outras.


Debate co presidente da Comisión Europea

O presidente da Comisión Europea, Jean-Claude Juncker, asistiu á sesión
plenaria do CdR onde debateu cos representantes rexionais e locais sobre as
prioridades da UE e sobre a mellor maneira de que as rexións e cidades saquen o
máximo partido ao Plan de Investimento para Europa, tamén coñecido como Plan
Juncker, un paquete de investimento que pretende mobilizar ata 315.000 millóns
de euros. Aproveitando o avance no regulamento do Fondo Europeo para Inversións
estratéxicas (EFSI polas súas siglas en inglés) – o fondo que respaldará os
proxectos nos que se centre o investimento – os membros do CdR debateron co
presidente da Comisión Europea o papel que as rexións e cidades terán na
execución deste Plan. Juncker insistiu en que as prioridades para a
coordinación económica estarán centradas en tres pilares: a consolidación
orzamentaria, as reformas estruturais e o investimento, e avogou por unha
simplificación da lexislación comunitaria.

 

Un enfoque sustentable en materia de inmigración

Nesta sesión plenaria debateuse unha resolución en materia de migración na que
o CdR expón a súa opinión sobre a mellor maneira de xestionar a acollida de
inmigrantes e o procedemento de asilo, ao mesmo tempo que se garante a
protección das vidas humanas. O CdR considera que o enfoque da UE nesta materia
debe ser sustentable a longo prazo e abordar todos os aspectos da migración. Do
mesmo xeito, reitera a necesidade da cooperación e de impulsar a democracia
local e a economía dos países de orixe dos migrantes como un aspecto clave para
garantir a estabilidade.

Os
representantes rexionais e locais aprobaron tamén nesta sesión as prioridades
do CdR para o período 2015-2020 mediante unha resolución centrada na creación
de emprego, o crecemento sustentable e a loita contra o desemprego a nivel
local. O sexto mandato do CdR centrarase en acadar unha dimensión territorial
da lexislación da UE, no impulso a unha política que cree postos de traballo e
crecemento sustentable nas cidades e rexións ou na cooperación dentro e fora da
UE para garantir a estabilidade, entre outras prioridades.

Galicia
presentou dúas emendas a esta resolución sobre as prioridades de traballo do
CdR para reclamar máis atención aos desafíos demográficos aos que teñen que
facer fronte algunhas rexións de Europa, entre elas a comunidade galega.

No
pleno sometéronse a votación catro ditames sobre políticas de emprego, o papel
da UE na axenda de Nacións Unidas posterior a 2015 ou a promoción do comercio
xusto nos que Galicia apoiou 11 emendas propostas por outros membros españois
do CdR.

Precisamente
Galicia asume a partires deste momento a presidencia e coordinación da
delegación española do Comité das Rexións ata que estean formados os novos
gobernos autonómicos e locais tras a celebración das pasadas eleccións.

Como
peche ao encontro, o pleno do CdR acolleu a intervención de Yang Yangi,
embaixadora extraordinaria e xefa da Misión da República Popular de China ante
a UE que con motivo do 40º aniversario da apertura das relacións diplomáticas
entre a UE e China resaltou o papel dos entes rexionais e locais no fomento da
cooperación e das inversións entre os vinte e oito e o país asiático.

O Comité das Rexións

O Comité das Rexións é a asemblea consultiva na que están representados os
entes locais e rexionais da Unión Europea. Está composto por 350 membros, 21
dos cales son españois. En representación da Comunidade Autónoma de Galicia, o
membro titular é o propio Presidente da Xunta de Galicia, mentres que o cargo
de membro suplente recae no Director Xeral de Relacións Exteriores e coa UE.


Este
é o terceiro dos seis plenos que o CdR prevé celebrar durante 2015 para debater
as prioridades políticas e aprobar ditames sobre a lexislación da UE.