• O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo,
    presentou na reunión da comisión de Recursos Naturais (NAT) en Vila Nova de
    Gaia, Portugal, o ditame sobre o futuro da acuicultura do que é relator
  • O obxectivo deste documento é identificar os obstáculos ao bo
    desenvolvemento do sector e ofrecer solucións

Vila Nova de Gaia, 19 de xuño de 2015.- O
director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou hoxe
en Vila Nova de Gaia, Portugal, nunha reunión externa da comisión de Recursos
Naturais (NAT) onde se debateu e aprobou o borrador de ditame sobre o futuro da acuicultura
do que Gamallo é relator no seo do Comité das Rexións europeo (CdR). 

O obxectivo do CdR coa elaboración deste ditame é identificar os obstáculos que
dificultan o bo desenvolvemento da acuicultura e recomendar así posibles
solucións, xa sexa facilitando a obtención de licencias ou en ámbitos como a
competición polo espazo na costa e nas marxes fluviais. Os entes rexionais e
locais son os que están mellor capacitados para promover este sector de gran
potencial debido ao perfil innovador da maioría das súas empresas, á gran capacidade
de absorción que ten o mercado europeo para absorber os seus produtos e á súa
capacidade de xerar emprego. Gamallo recordou que ademais hai que aproveitar as
oportunidades que ofrece o Fondo Europeo Marítimo e Pesqueiro (FEMP) 14-20, que
por primeira vez sitúa á acuicultura no mesmo plano que as outras actividades
pesqueiras. 

Entre as medidas que propón o documento para favorecer o bo
desenvolvemento do sector acuícola, destaca a simplificación dos procedementos
administrativos e do acceso ao espazo, a importancia de apoiar a innovación
para explotar o potencial deste sector ou a necesidade de promover os mercados
locais, entre outras. 

Actualmente, estase vivindo un estancamento do sector da acuicultura, malia
constituír un complemento importante aos alimentos que ofrece a pesca
extractiva. En anteriores ditames, o CdR ten apoiado o impulso da acuicultura
ao considerala unha industria estratéxica e creadora de emprego, cuxo
desenvolvemento pode axudar á UE a alcanzar os seus obxectivos en materia de
cohesión territorial e crecemento económico. 

Europa importa ata un 70% do pescado que consume. Gran parte dese pescado
provén da produción acuícola e supón en ocasións interrogantes en cuanto a
sustentabilidade medioambiental, cumprimento da normativa pesqueira e dos
dereitos dos traballadores. Fronte a isto, os produtores acuícolas europeos
destacan pola súa especialización e por un valor engadido tecnolóxico. Sen
embargo, a produción acuícola en Europa segue a soportar numerosos obstáculos que
dificultan o seu crecemento como industria. 

Seguindo o proceso para a elaboración deste borrador de ditame, que se prevé aprobar na
sesión plenaria do CdR do vindeiro mes de outubro, o pasado 5 de maio os
representantes rexionais e locais membros da comisión NAT debateron sobre o
documento de traballo previo deste ditame. Tamén participaron naquel debate un
alto funcionario da Comisión Europea e varios representantes de diversas
asociacións tanto medioambientais como de produtores. Con anterioridade, Jesús
Gamallo e Juan Maneiro, secretario xeral do Mar da Consellería de Medio Rural e
do Mar e experto designado para a elaboración do ditame, reuníronse o pasado
mes de abril coas partes interesadas do ditame para recoller as súas
suxestións. Todas estas aportacións teñen sido escoitadas e tidas en conta á
hora de elaborar o documento de ditame. 

Nesta reunión, tamén se presentaron dous documentos de traballo referidos a
outros dous ditames de iniciativa elaborados por membros da comisión NAT, un
sobre a simplificación da Política Agraria Común (PAC) e outro sobre a
innovación e modernización da economía rural. No debate destes documentos,
ademais dos representantes rexionais e locais tamén participaron varios
funcionarios da Comisión Europea. 

Reunión sobre a economía rural


Ademais da reunión da comisión NAT celebrada hoxe en Vila Nova de Gaia, os
representantes rexionais e locais membros desta comisión reuníronse onte para
abordar asuntos relacionados coa innovación e modernización da economía rural.

A estratexia Europa 2020 da prioridade ás cidades e áreas
metropolitanas como motor do crecemento, pero alcanzar os obxectivos da
Estratexia Europa 2020 e manter a cohesión territorial é imposible sen
involucrar a todos os eixos potenciais do crecemento, incluídos os rurais. Esta
reunión centrouse precisamente en examinar o papel que os axentes rurais poden
xogar nesta Estratexia para favorecer a modernización da economía rural.

Gamallo interveu para chamar a atención sobre a cuestión
demográfica especialmente no relativo o envellecemento da poboación e a
dispersión xeográfica, problemas que afectan especialmente as áreas rurais, e
destacou a importancia da innovación e a investigación en actividades forestais
ou gandeiras como mellor forma de fixar poboación no rural. Tamén explicou que
a Eurorrexión Galicia Norte de Portugal está a traballar nunha Estratexia de
Especialización Intelixente conxunta (RIS3) onde se contempla a aplicación da
innovación ós recursos naturais.

Nesta liña de colaboración e na perspectiva da creación
dun Intergrupo sobre a cooperación transfronteiriza no seo do Comité das
Rexións, Gamallo propuxo que os membros da Eurorrexión membros do CdR podan
manter reunións co obxectivo de tratar os asuntos de que coñece o CdR desde
unha perspectiva eurorrexional.

A comisión NAT do Comité das Rexións

Galicia foi designada no mes de marzo para liderar un ditame sobre o futuro da
acuicultura na comisión NAT do Comité das Rexións. O Comité das Rexións (CdR) é
a asemblea consultiva na que están representados os entes locais e rexionais da
Unión Europea. En representación da Comunidade Autónoma de Galicia, o membro
titular é o propio presidente da Xunta de Galicia, mentres que o cargo de
membro suplente recae no director xeral de Relacións Exteriores e coa UE.

Neste mandato, Galicia participa nas comisións NAT e CIVEX do CdR. A comisión
NAT encárgase de temas como a Política Agrícola Común (PAC) e desenvolvemento
rural, a pesca, o turismo, a política marítima ou a silvicultura.

Pódese consultar o borrador de ditame sobre o futuro da acuicultura europea aquí.