Actualidade

Portada » Actualidade » Galicia defende o máximo aproveitamento dos fondos europeos para impulsar a economía azul e a competitividade das zonas costeiras

Galicia defende o máximo aproveitamento dos fondos europeos para impulsar a economía azul e a competitividade das zonas costeiras

29/04/2022 | ,


—  A comunidade busca ser referente internacional na creación de novas oportunidades para o sector marítimo-pesqueiro e a economía azul no ámbito europeo. 

— A Xunta pon en valor casos de éxito como a estratexia de crecemento azul da Autoridade Portuaria de Vigo ou o traballo dos grupos de acción local do sector pesqueiro de Galicia, uns modelos que poderían replicarse noutras rexións europeas.

—  A cadea mar-industria galega supón factura ao ano máis de 8.800 millóns de euros e dá traballo directamente a 40.000 persoas.

Santiago de Compostela, 29 de abril de 2022.– A conselleira do Mar, Rosa Quintana, defendeu hoxe a necesidade de aproveitar ao máximo o próximo Fondo Europeo Marítimo de Pesca e de Acuicultura para impulsar a economía azul e o desenvolvemento local das zonas costeiras. Así o expuxo durante a súa intervención por videoconferencia no Taller de ferramentas financeiras para unha economía azul sostible, organizado pola Xunta en colaboración coa Conferencia de Rexións Marítimas Periféricas (CRPM).

Neste sentido, defendeu a importancia de transformar e actualizar os sectores económicos tradicionais, así como de reconstruír as comunidades costeiras para impulsar a súa competitividade e destacou o traballo e a experiencia de Galicia neste ámbito. Ademais, a titular de Mar sinalou que a comunidade autónoma galega busca ser referente internacional na creación de novas oportunidades para o sector marítimo-pesqueiro e a economía azul no ámbito europeo.

Dentro deste traballo de Galicia, Rosa Quintana destacou o plan de crecemento azul impulsado pola Autoridade Portuaria de Vigo desde 2016 e as estratexias de desenvolvemento local participativo postas en marcha polos oito grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP) de Galicia.

En relación ao plan de crecemento azul impulsado pola Autoridade Portuaria de Vigo, subliñou que a Comisión Europea o destacou como exemplo de boas prácticas no 2018. Con esta ferramenta a Autoridade Portuaria de Vigo promove un porto máis verde, máis dixitalizado e máis humanizado.

En canto aos GALP, salientou o seu papel na dinamización das zonas costeiras. Desde 2016 puxéronse en marcha arredor de 500 proxectos co obxectivo de aumentar o emprego, diversificar a actividade no litoral de Galicia, protexer o patrimonio marítimo-pesqueiro e contribuír ao benestar social.

Galicia e o mar 

Rosa Quintana tamén puxo de relevo a relación de Galicia co mar. Nesta liña, expuxo que na costa galega se desenvolven numerosas actividades relacionadas coa economía azul. De feito, nela aséntase unha frota de máis de 4.300 buques de pesca e case 1.300 auxiliares de acuicultura.

Ademais, a cadea mar-industria de Galicia supón unha facturación anual de máis de 8.800 millóns de euros, dá traballo directamente a 40.000 persoas -o que representa o 50% do emprego marítimo de España e o 10% da Unión Europea- e exporta a 121 países, o que a sitúa como décima exportadora mundial. Este potencial reflíctese en que 76 das 83 ramas da actividade económica galega teñen relación co sector pesqueiro e este é o cuarto sector con maior presenza na economía galega.

No taller de hoxe tamén participaron representantes da Fundación Galicia Europa, da área de Innovación marítima, coñecemento mariño e inversión da Dirección Xeral de Asuntos Marítimos e Pesca (DG MARE da Comisión Europea) e de Eosa Consultores, Antonio de la Cruz.

Máis información: Xunta de Galicia

 
 
 
 
 
 
 

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data