• O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, representou a Galicia na primeira reunión do ano da comisión de Recursos Naturais (NAT) do Comité Europeo das Rexións
  • Os membros de NAT debateron sobre o paquete lexislativo presentado pola Comisión Europea en novembro para conformar unha ”Unión Europea da Saúde”
  • Galicia resalta a necesidade de asegurar la interoperabilidade das bases de datos sanitarios para poder responder de forma áxil ás situacións de crise

Bruxelas, 30 de xaneiro de 2021. O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, representou a Galicia na primeira reunión do ano da comisión de Recursos Naturais (NAT) do Comité Europeo das Rexións, que centrará os seus esforzos, durante o ano 2021, en tres áreas políticas prioritarias: unha axenda rural para Europa; a Unión Europea da Saúde; e recuperación de COVID-19, todas con impacto directo nos entes locais e rexionais. De maneira complementaria, a Comisión NAT identificou outras cuestións temáticas importantes como a agricultura resiliente e sostible para cumprir os obxectivos do Pacto Verde; reforzar a seguridade das existencias de alimentos en Europa; así como a economía azul sostible para as rexións costeiras e marítimas da UE.
Durante a reunión, debateuse sobre o paquete lexislativo presentado pola Comisión Europea o pasado mes de novembro para a creación dunha “Unión Europea da Saúde”, co que se pretende reforzar o papel da UE para responder a emerxencias sanitarias.
En relación co papel reforzado que se quere outorgar á Axencia Europea do Medicamento (EMA) na preparación e xestión de crise, Galicia apoia unha maior responsabilidade da UE fronte ás crises, pero reclama que tamén se teña en conta as responsabilidades dos entes locais e rexionais en materia de saúde pública. Co fin de ter información comparable e de forma áxil en situacións de crise, a Xunta defende a necesidade de reforzar os sistemas de información centralizados e impulsar bases de datos normalizadas e interoperables.
Sobre a proposta de regulamento relativo ás ameazas transfronteirizas graves para a saúde, Galicia comparte a necesidade dunha maior coordinación europea ante futuras crises sanitárias.
En canto á proposta da primeira estratexia farmacéutica para Europa, Galicia defende tamén a aplicación dun enfoque rexional na súa definición, así como a creación de incentivos para garantir un maior acceso a medicamentos xenéricos e biosemellantes, xa que entende que son reguladores do mercado e ferramentas de sustentabilidade fundamentais para o sistema sanitario público.
Plan de Acción Atlántico 2.0

Ademais, aprobouse o proxecto de ditame ”Un novo enfoque para a Estratexia Marítima Atlántica. Plan de Acción Atlántico 2.0”. Galicia introduciu tres emendas para que este novo plan de cooperación marítima na área atlántica inclúa un apartado específico dedicado á pesca, o marisqueo e a acuicultura, así como para que se teña en conta a importancia do chamado ”desenvolvemento local participativo” que levan a cabo os Grupos de Acción Local de Pesca.
Galicia na comisión NAT do Comité Europeo das Rexións
Neste sétimo mandato do CdR que deu comezo en febreiro de 2020, Galicia participa na comisión de Recursos Naturais (NAT) e na comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX). NAT prepara os ditames de opinión dos municipios e rexións europeas en áreas como a Política Agrícola Común, a pesca, o turismo ou a saúde pública.
O Comité Europeo das Rexións é a asemblea consultiva na que están representados os entes locais e rexionais da Unión Europea. En representación da Comunidade Autónoma de Galicia, o membro titular é o propio presidente da Xunta de Galicia, mentres que o cargo de membro suplente recae no director xeral de Relacións Exteriores e coa UE.
Fonte: Xunta