• Considera clave que España se arme de argumentos socioeconómicos sólidos para defender os intereses da frota na negociación coas autoridades europeas e británicas das posibilidades de captura nestes caladoiros
  • O Executivo galego subliña a importancia de que nas decisións que se adopten para as augas de Gran Sol e a súa contorna se teñan en contan tanto os aspectos medioambientais como os económicos e sociais
  • A comunidade galega avoga pola mellora das propostas do Consello Internacional para a Exploración do Mar para especies obxectivo da frota que faena neses caladoiros como a pescada do norte, o rapante ou o peixe sapo
  • Bota en falta un maior protagonismo dos aspectos socioeconómicos do eido marítimo-pesqueiro no programa de traballo da presidencia portuguesa no Consello da Unión Europea
Madrid, 25 de xaneiro de 2021. Galicia ve fundamental a unidade de acción entre as comunidades autónomas e o Goberno central así como a elaboración de argumentos socioeconómicos para defender os intereses da frota na negociación para a fixación das posibilidades de pesca nas augas compartidas co Reino Unido. Así o sinalou a conselleira do Mar, Rosa Quintana no marco do Consello de Ministros de Pesca da Unión Europea ao que asistiu hoxe por videoconferencia como representante das comunidades autónomas españolas en materia pesqueira xunto ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas.
Nesta liña, a titular de Mar insistiu na necesidade de conseguir maximizar as posibilidades de pesca para compensar outras caídas, xa que lembrou que, como consecuencia do acordo do brexit, o Executivo comunitario cedeu ao Reino Unido o 25% das posibilidades de pesca europeas a cambio do acceso ás augas británicas durante só cinco anos e medio. Ademais disto na negociación é preciso ter en conta a necesidade de dispor de cota de especies para a súa cesión e intercambio con outros Estados Membros. Tamén debe estar moi presente, engadiu a conselleira, o equilibrio entre os aspectos medioambientais e os económicos e sociais.
A falla de definir as cifras da proposta para a negociación das cotas para despois do primeiro trimestre deste ano nas poboacións de peixes compartidas co Reino Unido, Galicia considera clave mellorar as propostas do Consello Internacional para a Exploración do Mar (ICES) para especies como a pescada do norte, o rapante ou o peixe sapo, entre outras, co obxectivo de evitar que se produzan recortes ou para ampliar as subidas nas cifras presentadas, así como para maximizar as cifras dispostas para outras especies secundarias coma a cigala, a maruca, o ollomol e o alfonsino.
Tanto para a pescada do norte como para o rapante, Galicia defende o mantemento ou incluso o incremento do Total Admisible de Captura (TAC) tendo en conta cuestións relativas á mellora da biomasa segundo reflicten os datos científicos. En canto ao peixe sapo, a comunidade autónoma galega avoga por un aumento da cota superior ao que aconsella o ICES, tendo en conta o bo comportamento da biomasa e o alcance e mantemento en anos pasados do Rendemento Máximo Sustentable, é dicir, o nivel óptimo de capturas que pode extraerse dunha poboación de peixes sen prexudicar o stock.
En relación ás especies de augas profundas, como o ollomol e o alfonsino, entre outras, Galicia leva tempo defendendo a eliminación dos TAC, pois son poboacións de peixes sen actividade dirixida, é dicir, adoitan ser accesorias da actividade pesqueira, polo que son de escasa relevancia de captura e sen riscos relativos á súa conservación pola rebaixa do esforzo pesqueiro realizado sobre elas.
Presidencia portuguesa

Outro dos asuntos abordados no Consello de Ministros de Pesca da UE foi o programa de traballo da Presidencia portuguesa no Consello da Unión Europea. En relación a esta folla de ruta, Galicia bota en falta máis protagonismo para os aspectos sociais e económicos do sector marítimo-pesqueiro tendo en conta o impacto da pandemia da covid-19 e do acordo do brexit. A comunidade autónoma galega considera que é fundamental ter en conta estes aspectos pois inflúen no desenvolvemento socioeconómico da actividade. Nesta liña, ve esencial para o futuro do sector a consecución da remuda xeracional, de aí a importancia de que a Unión Europea ofreza apoios e alternativas para conseguir ese obxectivo.