Actualidade
Portada » Actualidade » Novas » Galicia na UE » Estado de Dereito e Democracia »Galicia defende a necesidade de fortalecer o papel das rexións na salvagarda do Estado de Dereito
— O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE interveu na comisión CIVEX do Comité Europeo das Rexións para esixir unha maior participación dos entes locais e rexionais na elaboración de políticas públicas
— Jesús Gamallo tamén reclamou que os gobernos centrais teñan máis en conta a estes actores á hora de tomar decisións que lles afecten
Bruxelas, 7 de marzo de 2025. O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, participou na segunda sesión da Comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX) do oitavo mandato do Comité Europeo das Rexións (CdR). Durante a súa intervención no debate do ditame “A perspectiva local e rexional na aplicación do Estado de Dereito na Unión Europea”, defendeu a necesidade de fortalecer o papel das rexións para salvagardalo. Galicia presentou catro emendas para reforzar esta idea no texto.
Nese sentido, o director xeral esixiu unha maior participación dos entes locais e rexionais na elaboración de políticas públicas e reclamou que os gobernos centrais teñan máis en conta a estes actores á hora de tomar decisións que lles afecten. Tamén defendeu a imprescindible independencia do poder xudicial ante a auxe crecente dos populismos que empregan a retórica do lawfare e acusan á xudicatura de investigacións abusivas só cando lles afectan, e chamou a afastarse do uso dos medios de comunicación e as redes sociais para o ataque político ou para trasladar a sensación de que existe unha conspiración mediática.
Jesús Gamallo lembrou que as autoridades rexionais e locais representan o nivel da administración máis próximo aos cidadáns, por iso chama á protección do seu dereito de participación activa, reforzando, entre outros instrumentos, a acción popular ante a xustiza, e habilitando mecanismos para que os portais de transparencia das administracións poidan usarse como verdadeiras canles de participación cidadá.
Contexto
No actual mandato 2025-2030 do Comité Europeo das Rexións (CdR), Galicia participa na comisión de Política Económica (ECON) e na comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX). Esta última elabora ditames en materia de seguridade, liberdade, xustiza, política migratoria e cidadanía, canalizando así a voz das rexións e municipios europeos para o reforzo da democracia.

© Fundación Galicia Europa