Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Galicia na UE » Relacións Exteriores » Galicia defende a necesidade de ampliar as liñas de cooperación cos veciños do sur do Mediterráneo e fai balance en Roma da súa cooperación con Libia

Galicia defende a necesidade de ampliar as liñas de cooperación cos veciños do sur do Mediterráneo e fai balance en Roma da súa cooperación con Libia

10/12/2021 |

  • O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, destaca a contribución galega á cooperación coas cidades libias no marco da Iniciativa Nicosia do Comité Europeo das Rexións. 
  • Os membros da comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX) debaten sobre a posta en marcha de dous novos proxectos destinados a impulsar o desenvolvemento socioeconómico das localidades libias e a capacitación das súas autoridades locais. 

Bruxelas, 9 de decembro de 2021.– O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, trasladouse hoxe a Roma para representar a Galicia na última reunión do ano da comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX) do Comité Europeo das Rexións.

Neste encontro púxose o foco na necesidade de ampliar as alianzas de cooperación coa veciñanza do sur do Mediterráneo para o desenvolvemento de competencias en distintos eidos, co obxectivo de promover un desenvolvemento social, económico e humano sustentable a longo prazo, o que supón oportunidades para as xeracións actuais e futuras. Destacouse que a apertura da cooperación aos países do sur do Mediterráneo constitúe unha ferramenta fundamental capaz para frear as traxedias derivadas da inmigración masiva e irregular nunha das principais rutas de tránsito a Europa.

Neste contexto, os participantes na reunión fixeron balance dos resultados da Inicitaiva Nicosia, creada no ano 2016 polo Comité Europeo das Rexións como resposta ao apoio solicitado polas cidades libias respecto de distintos ámbitos económicos e de xestión. En concreto, respecto da axuda solicitada no eido da pesca e acuicultura, o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta de Galicia, Jesús Gamallo, remarcou que Galicia acolleu no ano 2019 a 11 expertos das cidades libias de Trípoli, Sirte, Zliten, Bengasi e Tobruk co obxecto de compartir o seu coñecemento e experiencia en materia de procesamento de produtos do mar e de xestión dos recursos pesqueiros.

No segundo bloque temático, moderado por Jesús Gamallo -coordinador político na Comisión Civex-, a delegada da UE en Libia, Sandra Goffin, agradeceu o apoio prestado polo Comité Europeo das Rexións e pola Comisión Civex e destacou a necesidade de seguir traballando activamente nestas liñas de cooperación. A súa vez, os membros da delegación libia remarcaron que este tipo de iniciativas constitúen un instrumento determinante para reforzar os lazos de cooperación e diálogo entre o norte e o sur de Europa.

Iniciativa de Nicosia do Comité Europeo das Rexións 

A Iniciativa de Nicosia é un exemplo de cooperación de cidade a cidade, e de rexión a rexión, para promover o desenvolvemento sustentable. Os custos corren principalmente a cargo da Comisión Europea, e os entes locais e rexionais como a Xunta achegan a súa experiencia. Outros actores especializados en diferentes áreas tamén proporcionan apoio financeiro ou práctico.

A comisión CIVEX do Comité Europeo das Rexións 

O Comité Europeo das Rexións representa aos entes locais e rexionais da Unión Europea, asesorando sobre aquelas políticas e lexislación que teñen un impacto directo sobre eles. Galicia conta cun membro titular e un suplente nesta asemblea política composta por 329 membros e os seus respectivos suplentes. No actual mandato 2020–2025, Galicia participa na Comisión de Recursos Naturais (NAT) e na Comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX). Esta última elabora ditames en materia de seguridade, asociacións internacionais, política migratoria e cidadanía activa, entre outros.

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data